inicio - Novas - Aprobada unanimidade memoria sobre situaci%C3%B3n econ%C3%B3mica e social galicia 2020
 25/09/2023  

O Pleno do CES aproba un orzamento para 2024 que supera os 1.100.000 euros

ornamento 2024

Unha cantidade total de 1.105.896,04 €. Este é o orzamento aprobado polo Pleno do CES na súa sesión de hoxe para o exercicio de 2024. Como cada ano, o organismo elaborou a súa proposta de presuposto para abordar a súa actividade, desde a elaboración de ditames e informes ata a redacción da Memoria sobre a situación socioeconómica, ademáis da celebración de xornadas e outras iniciativas que permitan a eficaz participación dos axentes do Consello para cumplir as súas funcións.

Esta proposta supón un incremento do 2% respecto á aprobada para este ano. Dado que o gasto de persoal ten a mesma contía que a aprobada definitivamente pola Xunta de Galicia para o 2023, é previsible que cando se aproben os orzamentos da Xunta o incremento será superior.

De xeito xeral, os gastos do CES poden agruparse en catro grandes capítulos: gastos de persoal, gastos de bens correntes e servizos, transferencias correntes (compensacións ou asignacións económicas ás organizacións, entidades e asociacións presentes no Pleno por asistencias ás reunións dos seus órganos colexiados e investimentos reais (equipos para procesos de información).

 22/09/2023  

Os vídeos do CES superan as 5.500 visualizacións

CES YouTube

Os vídeos que recollen distintas actividades do CES ao longo dos últimos meses superan as 5.500 visualizacións no seu conxunto. Aloxados nunha sección específica, "O CES en YouTube", estes documentos audiovisuais constitúen unha forma de visibilización da actividade do Consello e permiten achegarse ás súas iniciativas a persoas e colectivos interesados desde calquera lugar.

 21/09/2023  

A Comisión sectorial nº 1 avanza nos traballos do informe sobre dinámica empresarial

dinámica empresarial

Os traballos para a elaboración do informe "Tecido empresarial galego e dinámica empresarial. Análise comparada" seguen avanzando. Na súa sesión de onte, a Comisión sectorial nº 1 tivo ocasión de asistir á presentación dun primeiro borrador do documento de traballo a cargo do equipo da Universidade de Vigo encargado da súa elaboración. Coas aportacións e consideracións dos membros da Comisións entrarase na parte final do proceso de redacción.

 13/09/2023  

Agustín Hernández decide non continuar como presidente do CES-Galicia

Transcorridos os catro anos na Presidencia do Consello Económico e Social de Galicia, para os que foi designado polo presidente Alberto Núñez Feijóo, Agustín Hernández Fernández de Rojas ten trasladado no día de hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a súa decisión de non continuar no cargo.

De acordo coa normativa aplicable, o presidente do Consello continuará exercendo as súas funcións ata o nomeamento do novo presidente ou presidenta.

 12/09/2023  

Os axentes económicos e sociais apostan pola investigación para acadar unha transición enerxética xusta

Que a transición enerxética que estamos a vivir sexa xusta e beneficie por igual a todos os axentes implicados é o obxectivo que expresaron os axentes sociais representados no CES. Para acadar ese fin, representantes dos sindicatos, dos empresarios o outros colectivos insistiron na importancia de potenciar a investigación e o desenvolvemento para acadar un cambio de paradigma que non esqueza a ninguén. Esta foi unha das conclusións que se acadaron na xornada de debate sobre o sector enerxético galego que tivo lugar onte no Consello Económico e Social de Galicia. Con representantes académicos, da Administración, dos sindicatos, do mundo rural e da economía social, os expertos aboradaron os distintos aspectos do proceso de cambio de paradigma no uso da enerxía que estamos a vivir, as súas potencialidades e oportunidades e as sombras que tamén apuntan no horizonte.

No encontró falouse da necesidade de contar cun marco normativo estable, de eficiencia enerxética, da importancia do aforro tamén a nivel individual e cidadán e do papel que terán que xogar as infraestructuras de almacenamento como chaves para o futuro enerxético de Galicia.

O CES traballa agora na redacción dun documento que recolla as opinións apuntadas polos participantes da xornada, que porá un remate ao informe sobre o sector enerxético aprobado polo Consello hai uns meses.

 07/09/2023  

O CES organiza unha xornada de debate sobre o sector enerxético

xornada enerxía

O salón do Pleno do Consello Económico e Social acollerá este vindeiro luns, 11 de setembro, unha xornada de debate sobre o sector enerxético en Galicia protagonizada polo axentes sociais representados no organismo. Organizado en torno a tres mesas de debate, o evento busca afondar nos distintos aspectos dun sector estratéxico que está a vivir profundos cambios e de entender cal vai ser o seu futuro.

Nunha primeira mesa, analizaranse os impactos do sector enerxético no territorio, tanto desde o punto de vista do ámbito económico xeral como do da industria, dos usuarios… fixando a atención nas peculiaridades de Galicia. O impacto das novas fontes de enerxía, protagonistas do futuro como consecuencia do proceso de descarbonización no que nos atopamos, centrará a segunda mesa, que reunirá a representantes sindicais. Unha tercera mesa xirará en torno ao impacto do sector enerxético no sector agrario e nos consumidores, con membros das organizacións destes colectivos.

Este xornada pon o colofón ao traballo sobre este sector levado a cabo polo CES, que se concretou na recente aprobación do seu informe 1/23: “O sector enerxético galego: presente e futuro”.

Páxinas