inicio - Novas - Convocada a VIII edición do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia

Convocada a VIII edición do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia

 15/09/2021  

O CES e o IDEGA da USC convocan unha nova edición do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia. Desde o 15 de setembro e ata o o 30 de outubro de 2021 , calquera profesor, investigador ou institución pode facer chegar á secretaría do IDEGA a súa proposta de candidatura ao premio, con indicación de autoría, título e información de edición, engadindo unha copia en papel e indicación dun mecanismo de acceso electrónico ao recurso (ou copia en soporte USB).

O Premio “Valentín Paz Andrade” de investigación en economía de Galicia, que acada este ano a súa oitava edición, é convocado conxuntamente con carácter anual polo Consello Económico e Social de Galicia e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, para premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

Como en edicións anteriores, o premio ten dúas modalidades: 1.- Traballos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, entre o 15 de outubro de 2020 e o 14 de outubro de 2021. 2.- Teses de doutoramento, presentadas en calquera universidade entre esas mesmas datas.

O xurado valorará, nos traballos presentados, a relevancia da súa contribución para o progreso do coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia e a importancia da contribución para a mellor asignación dos recursos, o impulso ao crecemento , ao emprego e á consecución de cotas máis altas de equidade para a nosa sociedade.

documentos relacionados: 
AnexoTamaño
PDF icon Bases VIII Paz Andrade125.9 KB