inicio - Novas - Os axentes económicos e sociais apostan pola investigación para acadar unha transición enerxética xusta

Os axentes económicos e sociais apostan pola investigación para acadar unha transición enerxética xusta

 12/09/2023  

Que a transición enerxética que estamos a vivir sexa xusta e beneficie por igual a todos os axentes implicados é o obxectivo que expresaron os axentes sociais representados no CES. Para acadar ese fin, representantes dos sindicatos, dos empresarios o outros colectivos insistiron na importancia de potenciar a investigación e o desenvolvemento para acadar un cambio de paradigma que non esqueza a ninguén. Esta foi unha das conclusións que se acadaron na xornada de debate sobre o sector enerxético galego que tivo lugar onte no Consello Económico e Social de Galicia. Con representantes académicos, da Administración, dos sindicatos, do mundo rural e da economía social, os expertos aboradaron os distintos aspectos do proceso de cambio de paradigma no uso da enerxía que estamos a vivir, as súas potencialidades e oportunidades e as sombras que tamén apuntan no horizonte.

No encontró falouse da necesidade de contar cun marco normativo estable, de eficiencia enerxética, da importancia do aforro tamén a nivel individual e cidadán e do papel que terán que xogar as infraestructuras de almacenamento como chaves para o futuro enerxético de Galicia.

O CES traballa agora na redacción dun documento que recolla as opinións apuntadas polos participantes da xornada, que porá un remate ao informe sobre o sector enerxético aprobado polo Consello hai uns meses.