Cunha emotiva reflexión sobre o “o dereito das persoas con discapacidade intelectual á felicidade” e da “importancia do emprego digno como medio para conseguila”, o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez, rematou a súa intervención institucional no encontro “Construíndo emprego”, organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia co gallo da conmemoración dos 25 anos do seu Servizo de Emprego e Formación
Pérez salientou o lexítimo desexo das persoas con discapacidade e as súas familias de ser e sentirse útiles, membros de pleno dereito da nosa sociedade e fixo un repaso do cambio de mentalidade social nestes anos, aínda que tamén quixo sinalar os importantes retos que están por abordar poñendo sempre á persoa no centro e entendendo que a inclusión laboral constitúe unha ferramenta esencial de cidadanía plena.
“A inclusión real comeza cando deixamos de mirar a discapacidade desde a limitación e comezamos a vela desde as capacidades diferentes, o talento e a contribución social”, comentou o presidente. Antes de rematar, Pérez insistiú en que “ese é, precisamente, o reto que hoxe compartimos: seguir construíndo emprego, seguir construíndo inclusión e seguir construíndo futuro”.