O presidente do CES participa nunha xornada sobre o problema da vivenda organizada co Idega

O presidente do CES-Galicia, Manuel Pérez, participou hoxe nunha xornada titulada “A crise da vivenda: políticas públicas para facerlle fronte a un problema crónico”, organizada polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, o Idega, da Universidade de Santiago de Compostela, e celebrada na sede do organismo consultivo. Nunha sala ateigada de persoas interesadas neste asunto, Pérez salientou a importancia do diálogo entre diferentes instancias e niveis competencias para atopar respostas á que é unha das maiores preocupacións do tecido económico e social.

Pola súa banda, o director do Idega, Rubén Lois, lembrou que o obxectivo do encontro era habilitar un espazo de debate arredor dunha das maiores inquedanzas da nosa sociedade: a dificultade no acceso á vivenda. Con esta xuntanza, tentouse que as voces participantes, de eidos como a investigación, a administración e o sector inmobiliario, entre outros, aportaran a súa visión sobre un panorama actual caracterizado polo incremento de prezos e pola necesidade de activar respostas para paliar a escaseza de lugares accesibles para vivir.

Tempo de cooperación

Na súa intervención na xornada, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, suliñou que “o tempo da vivenda é o tempo da cooperación” e puxo en valor que a Xunta está a desenvolver a súa política de vivenda “cunha actuación integral que abarca desde a obtención e urbanización do solo ata a construción, a rehabilitación, o alugueiro, a compra e, finalmente, a entrega de chaves”.

A responsable do Goberno galego incidou en que o reto da vivenda “require unha cooperación leal e estable entre o Estado, as Comunidades Autónomas e as entidades locais” asentada, explicou, “no diálogo, un financiamento suficiente, no respecto ás competencias de cada un e na capacidade de adaptar os programas á realidade de cada territorio”.