Os retos da atención á dependencia protagonizan un novo informe do CES-Galicia

A Comisión sectorial nº 2 do CES-Galicia asistiu hoxe á presentación preliminar da proposta dun novo informe do CES. Baixo o título “Retos demográficos e sistema de atención á dependencia en Galicia. Diagnóstico, avaliación e propostas estratéxicas”, o organismo vai abordar o estudo dunha realidade de enorme importancia nunha poboación envellecida, en particular nos entornos rurais.

O documento será elaborado co apoio do grupo de investigación Organización do coñecemento da Universidade de Vigo e tentará acadar conclusións e reflectir algunhas experiencias internacionais que podan servir de referencia para superar un modelo que, na actualidade, descansa de forma desproporcionada sobre o coidado informal, trasladando a carga ao ámbito privado e xerando vulnerabilidade ante o avellentamento dos propios coidadores.

Na imaxe, o equipo da Universidade de Vigo na presentación da súa proposta na Comisión sectorial nº 2