Conferencia sobre os centros especiais de emprego

Os membros da Comisión Permanente do CES asistiron a unha conferencia sobre os centros especiais de emprego (CEE) impartida na sede do organismo polo profesor da USC Juan Torrelles Manent, recente ganador da última edición do premio Valentín Paz Andrade pola súa tese de doutoramento Análisis de la eficiencia de los centros especiales de empleo en Galicia: visión económico-financiera y social. O autor explicou polo miudo o contido do seu traballo, as características destes centros, os indicadores de eficiencia que elixiron para a súa avaliación, os problemas de falta de datos que atoparon e apuntou posibles novas liñas de investigación.

Os CEE son empresas que tentan proporcionar ás persoas con discapacidade un traballo remunerado e axeitado ás súas características personais e que facilite, cos servizos de axuda persoal e social necesarios (asistencia psicolóxica e sanitaria, rehabilitación, formación, etc.), a súa integración nun emprego ordinario. Están concebidos como unha formula de transición cara un traballo normalizado, aínda que non sempre cumpren ese obxectivo.

Neste senso, estes centros son empresas sociais que buscan xerar valor económico e valor social, tratando de maximizar os aspectos sociais.