inicio - Novas - O CES e a Universidade de Vigo asinan un convenio de colaboración para redactar un informe sobre os retos que supón a dixitalización para Galicia

O CES e a Universidade de Vigo asinan un convenio de colaboración para redactar un informe sobre os retos que supón a dixitalización para Galicia

 13/07/2021  

O catedrático Xosé Henrique Vázquez dirixirá o estudio, que se presentará a finais de ano

O CES e a Universidade de Vigo asinan un convenio de colaboración para redactar un informe sobre os retos que supón a dixitalización para Galicia

Galicia 2030: unha dixitalización 4.0 para unha sociedade 5.0. Este é o título do informe que vai elaborar o CES sobre os retos da dixitalización, un estudo que incluirá ademais dunha diagnose detallada do estado actual deste proceso, a identificación dos principais retos aos que se debe facer fronte e o debate de propostas. Para levar a cabo este traballo o Consello Económico e Social de Galicia e a Universidade de Vigo asinaron un convenio de colaboración polo que o documento será dirixido polo catedrático Xosé Henrique Vázquez. Está previsto que o informe se presente a finais deste ano.

O presidente do CES, Agustín Hernández, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asinaron hoxe o convenio para a posta en marcha do informe, que se concibe como unha análise moi detallada do que está a significar este fenómeno e cómo cambiará nun futuro inmediato. Ambos os dous sinatarios coincidiron en salientar a cualificación e experiencia do equipo liderado por Vázquez, o grupo REDE (Research in innovation, energy and the environment) , que conta xa cunha ampla traxectoria de investigación sobre os determinantes da dixitalización, o seu despregue nas organizacións e as súas consecuencias económicas e sociais.

Cidadanía, empresa, emprego e relacións laborais

En declaracións recollidas polo Diario da Universidade de Vigo, o director do estudo, Xosé Henrique Vázquez , explica que “o informe avaliará o avance da dixitalización en Galicia co obxecto de definir os retos aos que se enfronta a comunidade en catro ámbitos básicos: cidadanía, empresa, emprego e relacións laborais”. No ámbito da cidadanía e a democracia abordaranse aspectos como a privacidade na análise de datos, a seguridade nas conexións, a manipulación mediática, a transformación do sector público ou as brechas dixitais... No caso da empresa e a competitividade trataranse cuestións como o emprendemento dixital, a gobernanza, os equilibrios entre eficiencia organizativa e dixitalización ou como se ven afectados por este fenómeno os diferentes modelos de negocio.

En canto ao emprego e ás cualificacións, “tanto dos emprendedores como do conxunto de persoas que están no mercado laboral”, salientou Hernández, abordaranse as posibles vías de evolución da contratación, os riscos da automatización de postos ou as novas habilidades que cada vez se requirirán máis. “Trataremos de analizar como van ser as transicións de emprego, a canta xente van afectar, a que tipo de categorías laborais…”, explica Xosé Henrique Vázquez, quen fai fincapé en que, “dando por suposto que vai haber transicións de emprego que van ser complicadas e é importante analizar o grado de duración que poden chegar a ter, a que sectores afectarán máis, etc”. Nesta liña, o cuarto eixe, vertebrarase precisamente en torno ás relacións laborais, e nel afondarase nos retos que supón a dixitalización a nivel salarios, horas de traballo ou na propia representación colectiva.

Para concluír, o equipo de investigación liderado por Vázquez formulará propostas en campos diversos que poderán afectar a ámbitos como a gobernanza e goberno dixitais, igualdade de oportunidades e imposición fiscal, ciberespazo seguro e respectuoso coa privacidade, transicións de emprego e condicións laborais, educación, formación e cambio nas cualificacións, competencia e regulación, ou pactos sociais e representación colectiva dos traballadores na era dixital.

As conclusións presentaranse a finais de ano

Este grupo Rede –adscrito a Ecobas- conta cunha longa traxectoria de colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia e cos tres principais sindicatos en temas relacionados co presente e o futuro industrial do país. “Arrancamos no 2017 coa elaboración dun informe, tamén para o CES, que se chamou Por unha alianza no sector industrial galego e ao que logo seguiron outros estudos sobre a evolución do sector industrial”, salienta o director, ao tempo que fai fincapé en que a dixitalización “é un proceso que excede os límites do sector industrial e que ten un forte compoñente social para co conxunto da cidadanía”.

Neste caso, o traballo, dotado cunha achega económica de 30.000 euros, realizarase en colaboración coa correspondente comisión sectorial do CES e a previsión é presentar os resultados a finais de ano.