Demandan que o dereito dos galegos a usar a lingua propia non é “real e efectivo” na vida económica O Consello Económico e Social de Galicia considera que a normativa vixente “non ten un desenvolvemento concreto” por parte da administración pública e dema

O Pleno do Consello Económico e Social de Galicia vén de aprobar na súa última sesión unha declaración institucional de apoio ao emprego da lingua galega en todos os ámbitos da vida social e económica. O Consello, segundo indica, entende que a presenza da lingua propia en todos os ámbitos da vida social (incluida a económica) é unha característica común dos países desenvolvidos. Así, consideran que se debe “dar maior contido legal e formal ao dereito xa recoñecido dos galegos e galegas a usaren a lingua propia de Galicia nas relacións que manteñen entre e coas empresas como clientes e clientas, consumidores e consumidoras, e usuarios e usuarias”.

Mostrador de atención ao público na ‘lonxa’ do Concello de Vigo, con medidas de prevención debido ao coronavirus.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Mostrador de atención ao público na ‘lonxa’ do Concello de Vigo, con medidas de prevención debido ao coronavirus.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
O Consello Económico e Social considera nesta declaración institucional que os poderes públicos galegos teñen a obriga legal de garantir o dereito a usar o galego e “combater a falsa naturalidade do tratamento do galego como lingua menor no seu propio territorio”. Por iso, afirman, deberán “promulgar medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua”. Ademais de contribuir de xeito activo desde a administración pública e todo o sector público galego á eliminación de prexuízos mediante campañas de concienciación cidadá e educativas, mais “sobre todo asegurando a presenza da nosa lingua e dando exemplo ao contratar con empresas que, á súa vez, garantan o exercicio do dereito elemental de empregar a lingua propia no propio país”.

As organizacións presentes no CES consideran que a promoción, impulso e potenciación do galego, debe ser permanente, continua e decidida en todos os seus ámbitos de actuación, especialmente no apartado institucional. Así, denuncian que aínda que a normativa vixente , galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias recolle o dereito á atención oral e escrita en galego, esta regulación non ten un desenvolvemento concreto, polo que en moitos ámbitos da vida cotiá de Galicia resulta dificil acceder aos diferentes servizos empregando a lingua propia.

Data: Array

Resumo: O Consello Económico e Social de Galicia considera que a normativa vixente "non ten un desenvolvemento concreto" por parte da administración pública e demanda medidas.