inicio - Novas - O CES asina un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña

O CES asina un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña

 15/07/2015  

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e a presidenta do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, Corina Porro, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades, que servirá para profundizar a súa relación nos eidos académico, científico e consultivo.

O acordo, ademais de propiciar a relación entre os docentes e os investigadores co CES, permitirá que os alumnos da Facultade de Economía e Empresa realicen prácticas curriculares no órgano consultivo da Xunta de Galicia.

A presidenta do CES amosou a súa satisfacción por este convenio, que permitirá mellorar o coñecemento aportado polos traballos do organismo e que facilitará que os estudantes colaboren nos futuros informes e Memorias realizadas no Consello Económico e Social.

Pola súa banda, Armesto destacou a importancia da colaboración da Universidade con outras entidades, que permite que os estudantes completen a súa aprendizaxe teórica e saian cunha formación máis axeitada á realidade laboral. Así mesmo, resaltou a importante misión que realizan os profesores e investigadores da UDC que aportan os seus coñecementos académicos e científicos en empresas e institucións como esta mesma. “O maior valor engadido é o coñecemento e unha das fortalezas de Galicia é o seu Sistema Universitario que leva 25 anos funcionando moi ben e no que hai que seguir traballando”, manifestou o reitor.
Tanto o reitor como a presidenta expresaron o seu desexo de ampliar a colaboración entre as dúas institucións.

A idea do CES é asinar acordos de colaboración coas tres universidades de Galicia. Cando se propuso esta iniciativa, os tres reitores amosáronse moi receptivos. Todos entenderon que ese traballo en común significaría beneficios para as respectivas institucións. O Consello xa está traballando en común coa USC a través do Idega, e, logo do acordo de hoxe, está previsto que nos vindeiros meses poda subscribirse tamén un convenio coa Universidade de Vigo.