Informe negativo do CES sobre o proxecto de universidade de Abanca

Informe negativo do CES sobre o proxecto de universidade de Abanca
A Xunta valora o documento como un dos pasos marcados pola normativa para sacar adiante o proceso de creación da institución académica privada, pero que reflicte “carencias” que se deben emendar.

O Consello Económico e Social emitiu informe negativo sobre o anteproxecto de Lei de recoñecemento da ‘Universidade Intercontinental da Empresa’, a entidade privada que impulsa Abanca en Galicia.

Un documento que a Xunta enmarcou nos pasos marcados pola normativa para sacar adiante o proceso de creación da institución académica privada, pero que reflicte “carencias” que se deben emendar.

A preguntas dos medios, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, sinalou que a análise e o ditame do CES revela “unha serie de carencias” técnicas e administrativas, algunhas delas “xa fixadas” no informe que emitiu no seu día o Ministerio de Universidades.

“Entendemos que no seguinte terán que emendarse para poder seguir o proceso”, engadiu, para lembrar que, en todo caso, trátase dun trámite máis do proceso de creación e impulso da entidade privada.

No seu informe, o CES manifesta as súas reservas ante o anteproxecto sobre todo por dous puntos: non se especifican as titulacións ofertadas e proponse a impartición dun grao por un instituto universitario, cando este último debe estar destinado ao I+D+i segundo a normativa estatal e galega sobre este tipo de centros.

VOTOS PARTICULARES

A entidade refírese, ademais, a que o propio anteproxecto indica literalmente que o recoñecemento desta universidade permitiría ampliar a oferta formativa na educación superior.

Con todo, o informe presentado pola Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia advirte de que, coa documentación presentada, non se cumpriría este precepto marcado pola Lei. O CES tamén bota en falta un plan de desenvolvemento das diferentes titulacións que se pretende impartir nesta entidade privada.

A maiores, o ditame do CES inclúe dous votos particulares totalmente opostos, o primeiro deles dos sindicatos CIG, UGT, CC.OO e SLG que rexeitan a creación dunha universidade privada en Galicia e un segundo da Confederación de Empresarios de Galicia, que defende o impulso deste proxecto.