As relacións económicas entre Galicia e o Norte de Portugal, a estudio

As relacións económicas entre Galicia e o Norte de Portugal protagonizarán a nova xornada de estudio que organiza o CES-Galicia en colaboración co Idega, prevista para o vindeiro martes, 13 de decembro.

Vencellados por nexos xeográficos, históricos e culturais, estes territorios están tamén cada día máis preto no eido económico. A xornada ten previsto achegarse, a través da participación de expertos dos dous lados da liña fronteiriza, ás realidades económicas actuais e as perspectivas de futuro nun mundo globalizado, con importantes retos e tamén oportunidades competitivas.

Para ter unha visión de conxunto da eurorrexión, na que viven preto de 6,5 millóns de habitantes, a xornada vai analizar tres dos sectores económicos máis salientables, como son a automoción, o téxtil e o turismo. Tamén haberá unha ponencia adiacada a aspectos institucionais da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Como é habitual, a xornada pecharase cunha mesa redonda na que participarán os axentes económicos e sociais representados no CES, tanto de Galicia como do país luso.

Esta xornada enmárcase no acordo de colaboración asinado recentemente entre os CES dos dous lados da fronteira luso-española para celebrar eventos que sirvan a intereses compartidos por eles.

Pode ver o PROGRAMA da xornada no pdf.