Os distintos expertos e representantes institucionais galegos e lusos que se citaron na xornada “As relacións económicas entre Galicia e o Norte de Portugal”, celebradas onte no CES, coincidiron en salientar palabras como complementariedade, competencia e competitividade para definir a situación destes dous territorios.
Organizada no marco de colaboración que veñen mantendo o CES e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC, a xornada serviu para xuntar na sede do Consello a destacados persoeiros dos dous lados da fronteira para estudiar e debater sobre as relacións institucionais consolidadas entre Galicia e a rexión Norte de Portugal e para centrar a súa ollada en tres sectores moi destacados: a automoción, o téxtil e o turismo. O acto de inauguración contou coa presencia do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que indicou que, entre as prioridades fundamentais nas relacións entre Galicia e o Norte de Portugal, está incentivar o crecemento económico baseado na innovación, no fomento do emprego e nos emprendedores.
Pola súa banda, a presidenta do CES salientou o bo clima de entendemento entre “dous pobos moi cercanos” e insistiu na necesidade de seguir traballando nun diálogo fructífero dos representantes políticos e os axentes sociais. Tamén agradeceu a presencia do presidente da Comisión de Coordenación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Fernando Freire de Sousa, e os seus colaboradores y dunha representación de membros do Conselho Económico e Social do veciño luso, que tamén participaron na mesa redonda que pechou o acto. Esta participación dos axentes socioeconómicos portugueses enmárcase no convenio asinado recentemente entre distintos CES autonómicos españois e o organismo portugués para tratar temas de interese común.
Na imaxe, o presidente da CCDR-N, Fernando Freire, Alfonso Rueda e Corina Porro.