Que é o CES?

Benvida do presidente

Benvidos ao sitio web do Consello Económico e Social de Galicia, unha fiestra ás actividades e traballos deste organismo consultivo aberta cara á sociedade.

O Consello Económico e Social é un órgano consultivo da Xunta de Galicia creado para facilitar a participación dos axentes socioeconómicos e dos representantes da sociedade civil organizada na vida económica, social e cultural desta terra e no proceso de toma de decisións. Xa desde a súa creación, a imaxe de organismos homólogos de entidade nacional ou europea, o CES configúrase como un foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e os poderes políticos. Desde a súa creación, o Consello foi concibido, ademais de como foro plural e cualificado, como un órgano marcado pola súa independencia.

A diversidade das organizacións representadas no Pleno, que reflicte a pluralidade da nosa sociedade, fai deste organismo un espazo de debate, de reflexión, un laboratorio de ideas que, baseadas na confrontación positiva e a busca de consenso, permitan a expresión do sentir da sociedade civil. Nun mundo que resulta cada vez máis complexo e esixente, consideramos que o diálogo, a búsqueda de acordos e o respecto á discrepancia fanse imprescindibles como elementos básicos para construír unha convivencia máis xusta e participada por todos. Quero imaxinar o Consello como un gran coro de voces diversas que soan en harmonía.

Este é un organismo consultivo, que expresa as súas opinións sobre os temas máis diversos, tanto a petición da Xunta de Galicia como por propia iniciativa, sempre atentos aos asuntos máis actuais e aos grandes retos que ten prantexados a nosa sociedade. Logo dunha traxectoria de preto de 25 anos –que se cumpren en 2020– o CES é unha institución de prestixio consolidado como unha parte fundamental do entramado institucional de Galicia e as súas opinións, expresadas en ditames e informes e nas consideracións da Memoria socioeconómica, enriquecen o proceso de toma de decisións.

Nestas páxinas, pode vostede atopar a actividade do organismo, o seu funcionamento, os membros que compoñen o Pleno e, nomeadamente, todos os ditames e informes que ten aprobado o Consello. Creo que é un instrumento útil para ter unha referencia da evolución da nosa sociedade, das súas inquedanzas, das propostas que se fixeron desde as organizacións da sociedade civil.

No Consello Económico e Social de Galicia traballamos para imaxinar, desde unha reflexión colectiva, unha Galicia máis participativa, próspera, sostible e inclusiva. Un lugar mellor para vivir para todas as galegas e galegos, para nós e tamén para os nosos fillos.

Agardo que a súa visita lle resulte doada e frutífera.

Manuel Pérez Álvarez

Natureza

O Consello Económico e Social é un organismo consultivo da Xunta de Galicia en materias socioeconómicas. Creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño, o CES configúrase como foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta de Galicia coa finalidade de facer efectiva a participación destes axentes na política socioeconómica da Comunidade Autónoma.

O CES de Galicia foi creado pola devandita Lei 6/1995, do 28 de xuño, en aplicación do previsto no artigo 9.2 da Constitución española e nos artigos 4.2 e 55.4 do Estatuto de Autonomía de Galicia, para facilitar a participación de tódolos galegos na vida política, económica e social e atender a aspiración dos axentes económicos e sociais de que as súas opinións e propostas podan ser tidas en conta no proceso de adopcións de decisións por parte do Executivo autonómico.

No CES está representado un amplo número de organizacións socio-profesionais, entidades e asociacións de todo tipo –desde os sindicatos ás Universidades, dos pescadores aos consumidores–, o que lle confire o seu especial carácter de foro permanente de diálogo e deliberación entre a sociedade civil organizada e a Xunta de Galicia para o exercicio da súa función consultiva. Este labor aplícase non só á actividade normativa gobernamental, senón mesmo á elaboración, por iniciativa propia, de estudos e informes que conteñan propostas encamiñadas a unha eventual introdución de reformas nas políticas públicas aplicadas aos diferentes sectores de actividade.

O ámbito obxectivo para o exercicio das funcións atribuídas ao Consello Económico e Social son as materias socioeconómicas directamente vencelladas ao desenvolvemento económico e social de Galicia, en concreto as relativas á economía, fiscalidade, emprego e seguridade social, agricultura e pesca, educación e cultura, saúde, consumo, medio ambiente, transporte e comunicacións, industria e enerxía, vivenda e integración europea.

Funcións

Entre outras funcións, o CES emite ditames preceptivos sobre anteproxectos de lei e proxectos de decretos lexislativos que regulen materias socioeconómicas directamente vencelladas ao desenvolvemento económico e social de Galicia. Tamén pode ser consultado facultativamente para outros asuntos ou materias non comprendidas no apartado anterior.

O Consello tamén elabora informes, por iniciativa propia ou a petición da Xunta, sobre a realidade socioeconómica da Comunidade ou sobre plans o programas de desenvolvemento da mesma. Nese eido, pode dar a coñecer ao Goberno a súa opinión sobre a execución destes plans.

A participación en mesas sectoriais xunto con representantes da Administración é outra das funcións do CES.
A Lei recolle tamén a obriga de elaborar anualmente e remitir ao Consello da Xunta unha Memoria sobre a situación económica e social de Galicia. Este traballo pode incluír opinións e recomendacións sobre as políticas gobernamentais.

Composición

O CES-Galicia está formado por 37 membros, incluído o seu presidente. Os outros 36 membros distribuínse en tres grupos:

  • Grupo 1: Os seus doce membros son designados polas organizacións sindicais máis representativas segundo os resultados das eleccións sindicais. No Consello séntanse 4 membros da Confederación Intersindical Galega (CIG), 4 membros do Sindicato Nacional CC.OO. de Galicia e 4 membros do sindicato UGT-Galicia.
  • Grupo 2: Os doce membros do Consello encadrados neste grupo representan ás organizacións empresariais e son designados pola Confederación de Empresarios de Galicia.
  • Grupo 3: Neste grupo agrúpanse as diversas entidades e asociacións cidadáns, culturais e socioeconómicas máis representativas da realidade económica e social de Galicia. O grupo compóñeno 4 membros do sector agrario; 2, do sector marítimo pesqueiro (un da pesca de baixura e outro, da de altura); 2 representantes dos consumidores e usuarios; 1 do Consello Galego de Economía Social e 3 das Universidades de Galicia.

Órganos

A participación efectiva dos membros no traballo do CES artéllase a través de distintos órganos colexiados: o Pleno, a Comisión Permanente e as Comisións Sectoriais. En canto a órganos unipersonais, cómpre citar tamén á Presidenta e ao Secretario Xeral.

Órganos colexiados

O Pleno é o órgano de goberno do Consello. Está composto polos seus 38 membros, todos con dereito a voto agás o secretario xeral. O Pleno establece as liñas xerais de actuación do Consello e organiza o seu funcionamento interno, aproba os ditames, estudios ou informes, decide a elaboración doutros traballos e aproba tamén a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia.

A Comisión Permanente é o órgano colaborador do Pleno no goberno do CES. Está composta polo presidente, o secretario xeral e nove membros titulares, tres de cada un dos grupos que o compoñen. Entre as súas funcións destaca a supervisión das actividades do organismo e a coordenación dos traballos das diferentes comisións. A Comisión Permanente eleva ao Pleno canto estima necesario para o mellor funcionamento do Consello.

As tarefas cotiás de elaboración de informes e ditames estás adscritas ás comisións sectoriais, grupos de traballo de nove membros que manteñen a representación proporcional do Pleno.

Órganos unipersoais

A Presidencia representa ao Consello e dirixe as súas actuacións, ademáis de velar polo bo funcionamento do mesmo.

A Secretaría Xeral é o órgano de asistencia técnica e administrativa do CES e o depositario da fe pública dos seus acordos.

Membros

O Pleno do CES está composto polos membros (titulares e suplentes) que, organizados por grupos e segundo a entidade á que pertencen, de seguido se relacionan:

Presidente: Manuel Pérez Álvarez
Secretario xeral: Manuel Martínez Varela

Sala do Pleno do CES.

Grupo 1 – Organizacións sindicais

UGT-Galicia
Confederación Intersindical Galega (CIG)
SN CCOO de Galicia

Grupo 2 – Organizacións empresariais

Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

Grupo 3 – Outras entidades e asociacións

Universidade de Vigo (UVigo)
Universidade da Coruña (UDC)
Universidade de Santiago de Compostela (USC)
Sindicato Lábrego Galego (SLG)
Consello Galego de Consumidores e Usuarios
Unións Agrarias (UU.AA.)
Federación de confrarías
Consello Galego de Economía social

Normativa

Normativa básica de creación e funcionamento do CES Galicia, actualizada permanentemente

GALEGO Lei 6/1995, do 28 de xuño pola que se crea o Consello Económico e Social consolidada

CASTELÁN Lei 6/1995, do 28 de xuño pola que se crea o Consello Económico e Social consolidada

Regulamento de réxime interno do CES (aprobado polo Pleno na súa sesión de 27 de maio de 2021)
(DOG, n. 117, 22-06-2021)

O CES en Europa

Para un mellor cumprimento dos seus fins de representacións dos intereses da sociedade civil organizada de Galicia en todos os ámbitos, e dada a crecente importancia das decisións estratéxicas que son tomadas no nivel comunitario, o CES mantén presencia en instancias europeas a través de mecanismos de participación postos en marcha con organismos homólogos do noso entorno, en particular como membro da Rede Transnacional Atlántica (RTA) e colaborando coas súas propostas no desenvolvemento da Estratexia marítima para a zona do océano Atlántico.

Nestes intres, o CES de Galicia ocupa unha das vicepresidencias da organización.

RTA

Que é a RTA

A Rede Transnacional Atlántica (RTA) de consellos económicos e sociais ou organismos homólogos é unha plataforma de cooperación para as organizacións da sociedade civil dentro do Espazo Atlántico. Como establece a súa carta fundacional, está composta polas institucións representativas dos axentes económicos e sociais das rexións atlánticas europeas.

Constituída oficialmente no ano 2003, o principal obxectivo da RTA e desenvolver mecanismos de cooperacións entre os seus socios, organismos que representan a sociedade civil no marco do Espazo Atlántico, coa finalidade de influir sobre as políticas europeas que afectan á fachada atlántica continental.

Para facer efectiva a devandita cooperación, os membros manteñen contactos regulares, intercambian experiencias, colaboran na realización de estudios e informes [posible enlace] e mesmo manifestan pronunciamentos comúns sobre asuntos dos seus ámbitos xeográficos atlánticos, a cooperación mutua ou a elaboración de propostas para un mellor desenvolvemento da integración europea neste espacio.

Os pronunciamentos ou plans de cooperacións rexional que aproba a RTA teñen como destinatario as institucións da Unión Europea, co fin de expresar a súa voz e influír nos foros que deciden as políticas comunitarias para favorecer a integracións destas rexións atlánticas, a súa competitividade e a súa maior cohesión social.

Os membros

A Rede Transnacional Atlántica (RTA) de consellos económicos e sociais agrupa a organismos representativos de España, Francia e Portugal, aínda que está aberta á eventual participación doutras institucións similares que, neste ámbito xeográfico, participen dos seus obxectivos.

Na actualidade, son membros da Rede os seguintes organismos:

Órganos

A organización da RTA artéllase a través de dous órganos colexiados, o Comité de Orientacións e o Comité Executivo, e a súa presidencia, asistida por catro vicepresidencias.

O Comité de Orientacións é o órgano plenario de decisión: decide temáticas de traballo, valora as propostas dos membros, aproba os informes e é o encargado tamén da difusión das súas conclusións entre as autoridades competentes.

O Comité Executivo ten como principal función organizar os grupos de traballo para dar resposta ás iniciativas aprobadas no Comité de Orientacións.

Na actualidade, a presidencia da RTA correspóndelle ao presidente do CES vasco, Juan María Otaegi Murua, con cadansúas vicepresidencias para a presidenta do CES-Galicia, Corina Porro Martínez; o presidente do CESER de Aquitania, Luc Pabouef; o presidente do CESER-Limousin, Jean-Pierre Limousin; e o representante so ISQ portugués, João Paulo Duarte.

Os traballos da RTA

Dacordo coa súa carta fundacional, revisada en 2011, a fin de realizar o seu cometido, a RTA poderá levar a cabo, entre outras actividades, as seguintes:

  • Organizar un seminario anual ou bienal de intercambio de experiencias ou de presentación dos traballos dos diferentes CES sobre algún tema específico.
  • Desenvolver a súa influencia preto da Comisión do Arco Atlántico, a traves de opinións consensuadas.
  • Realizar estudios que permitan profundizar en temáticas comúns de interese xeral.

Neste marco de referencia, a Rede ten presentando distintos traballos e estudios sobre materias socioeconómicas de especial transcendencia nas rexións atlánticas europeas.

Ao carón destes documentos, o CES–Galicia, a través da súa colaboración na RTA, tamén ten contribuido a expresar as opinións da socioedade civil galega sobre aspectos da política comunitaria que afectan dun xeito claro á nosa comunidade, en particular sobre a estratexia marítima integrada para o Atlántico.

A Estratexia marítima para a zona do Océano Atlántica

Co fin de facer efectivo o obxectivo de influir nas políticas comunitarias que afectan aos seus socios, a Rede mantén unha estreita colaboración coa Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de Europa. Por suposto, tamén traballa en coordenación co Comité Económico e Social Europeo.

Nese marco de cooperación, tense producido os seguintes documentos:

A última destas aportacións e cooperacións interinstitucional tivo lugar o pasado 28 de novembro de 2012, cando unha representación da RTA, compuesta por representantes dos CES vasco, de Galicia e Canarias e dos CESER franceses de Aquitania e Limousin, participou na presentanción desta estratexia marítima atlántica por parte da Comisión Europea en Lisboa.

Entre outros obxectivos, a presencia dos representantes da Rede sirviu para reforzar a súa visibilidade no contexto comunitario e mesmo para establecer novos contactos para o desenvolvemento da RTA, coa posible integración de novos socios en Portugal, pero tamén en Irlanda ou o Reino Unido.

O Consello Económico e Social seguira a cumprir co seu papel de colaboración activa na RTA como mecanismo para contribuir ao desenvolvemento equilibrado e cohesionado de Galicia no seu entorno.