Vivenda, cambio climático, fluxos migratorios ou dependencia protagonizan o plan de traballo do CES para 2025

A Comisión Permanente do CES-Galicia aprobou na súa sesión de hoxe o plan de traballo do organismo para este ano 2025. Logo de analizar as propostas presentadas polas diferentes organizacións do Consello, acordouse abordar a elaboración dos seguintes documentos:

• Un informe sobre a vivenda en Galicia, coa celebración dunha xornada previa na que se defina o índice do iestudo.

• Un informe sobre o cambio climático en Galicia, o seu impacto no sector primario, cinguido á produción de alimentos e ao impacto social na xente que produce e tendo en conta ao sector forestal.

• Un informe sobre fluxos migratorios relacionados coas necesidades laborais en Galicia, cómo afecta á sociedade a incorporación de man de obra, tendo en conta o medio rural ou aspectos como a formación que se dá a estas persoas.

• Un informe sobre a dependencia en Galicia relacionada co reto demográfico.

Ademáis destes estudos, aprobouse tamén a celebración dunha xornada sobre o futuro do sector do viño en Galicia relacionado co problema que hai na Ribeira Sacra derivado dun modelo produtivo que se centra no viño tinto que o mercado agora non consume tanto, e o baleirado poboacional e a falta relevo xeracional. Así mesmo, vaise organizar outra xornada sobre o prezo dos alimentos, a súa conformación e a súa fiscalidade.