Un traballo sobre o furtivismo no marisqueo galego foi o gañador da undécima edición do Premio Valentín Paz Andrade na categoría de artigos, mentres que o galardón para teses doutoriais foi para un estudo sobre análise da economía rexional con novas metodoloxías. O acto de entrega deste certame, que convocan o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES), tivo lugar hoxe na pazo de San Xerome compostelán.
Hugo M. Ballesteros, Eduardo Sánchez Llamas e Gonzalo Rodríguez foron os gañadores na modalidade de artigos publicados en revistas científicas, coa súa análise do furtivismo en Galicia, mentres Fernando de la Torre Cuevas foi galardoado pola súa tese doutoral. Nesta edición, o xurado decidu outorgar un áccesit, na categoría de artigos científicos, a Rubén Boga e Valerià Paül por unha investigación sobre a viabilidade de pequenas produccións en indicacións xeográficas protexidas.
O acto foi presidido polo reitor da USC, Antonio López, e contou coa presenza do director do IDEGA, Rubén Lois, e o presidente do CES, Manuel Pérez.
Logo de felicitar aos gañadores e gabar o bo nivel dos outros traballos presentados, o presidente do CES destacou que a investigación e a súa aplicación práctica son fundamentais para mellorar a sociedade. Pola súa banda, o director do IDEGA, Rubén Lois, puxo en valor a relevancia das ciencias sociais e da investigación económica para abordar os retos que afronta Galicia e o mundo, mentres que o reitor da USC, Antonio López, expresou o seu orgullo pola calidade da investigación realizada na institución académica.
Os Premios Valentín Paz Andrade recoñecen investigacións –nas categorías de artigos e teses de doutoramento– que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para o benestar dos seus cidadáns.
A valoración do xurado
Na modalidade de traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, o xurado decidíu por unanimidade premiar o artigo Estimating illegal catches in data-poor S-fisheries: Insights from multispecies shellfish poaching in Galician small scale fisheries, da autoría de Hugo M. Ballesteros, Eduardo Sánchez Llamas E Gonzalo Rodríguez Rodríguez e publicado este ano na revista Marine Policy.
Ademais do rigor académico, do artigo destaca a relevancia da temática e a novidade de abordar un estudo sobre o furtivismo no sector marisqueiro no litoral galego. Trátase dunha análise cuantitativa robusta dun conxunto de actividades opacas, de difícil contabilización pola economía formal, e que necesitan ser coñecidas en profundidade. Conclúen que “a análise científica do furtivismo constitúe unha aposta innovadora, que neste traballo se basea nunha investigación ben fundamentada teoricamente e apoiada en múltiples datos”.
Nesta mesma categoría o xurado coincidiu en outorgar un accésit ao artigo Because of its size, it’s not worth it!’: The viability of small-scale geographical indication schemes, de Rubén Boga e Valerià Paül e publicado na revista Food Policy, pola “súa sólida fundamentación e o manexo excelente das técnicas cualitativas de análise”.
Na segunda modalidade, correspondete ás teses de doutoramento, o premiado foi Fernando de la Torre Cuevas pola súa investigación Expanding hybrid approaches to construct (Inter)regional input-output models. O xurado estimou “a calidade metodolóxica da investigación, que combina dous modelos de análise clásicos en economía, pero ben diferenciados”. Por unha banda, abórdase un estudo teórico baseado na economía rexional, “cun manexo moi destacado dos conceptos e das últimas actualización rexistradas neles”. Por outra, a tese trata na segunda parte unha aproximación de base matemática, “complexa e impecable”, ao cálculo das táboas input-output de alcance rexional. “Isto é, a tese consegue despregar os dous sistemas analíticos máis arraigados nas ciencias económicas, en principio diferenciados, pero que logra manexar con extraordinaria coherencia ao logo de todo o traballo”, conclúe o xurado.
Na edición deste ano, o xurado foron o reitor compostelán Antonio López, que presidiu; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; o director do Idega, Rubén C. Lois González; o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Martínez Varela; o catedrático emérito da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe; e o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Xoán R. Doldán García.
