O CES e o Idega da USC coorganizan os premios de investigación en economía de Galicia
O pazo de San Xerome foi, un ano máis, o esceario da entrega dos galardóns dos Premios de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade que, organizados de xeito conxunto polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES), acadaron a súa duodécima edición. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López, e contou coa participación do director do Idega, Rubén C. Lois, e do presidente do CES, Manuel Pérez. O certame recoñece os mellores traballos publicados no ano nas modalidades de artigo científico e tese de doutoramento.
Nesta edición, na modalidade de traballos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, o xurado outorgou o premio ao artigo ‘Travel-time accessibility and adaptive spatial planning solutions for the healthcare system’ do que son autores José Balsa-Barreiro, Sérgio F.A. Batista, Gaby J. Hannoun e Mónica Menéndez, e que está publicado na revista npj Health Systems, 2 (2025). O xurado destacou o seu rigor académico, a orixinalidade do enfoque e o interese das futuras liñas de investigación que abre.
Na segunda categoría, de teses de doutoramento, o xurado resolveu un ex–aequo cos traballos ‘A relación entre a distribución funcional e persoal da renda. Proposta metodolóxica e aplicación para España e Galicia no período 2007-2021’, realizada por José Manuel Amoedo Meijide, e ‘Pesca e negocio na Galicia cantábrica. De Cariño a Ribadeo entre o Catastro de Ensenada e o desestanco do sal’, de José María Leal Bóveda.
Da investigación realizada por José Manuel Amoedo Meijide, o xurado subliñou o seu carácter pioneiro na investigación da distribución persoal da renda en Galicia, de “gran relevancia” para a mellor asignación de recursos e a consecución de cotas máis altas de equidade na sociedade galega. Respecto á tese elaborada por José María Leal Bóveda, o xurado realzou a “utilización crítica e exhaustiva das fontes dispoñibles para modificar de maneira significativa a interpretación dun período da historia pesqueira e industrial de Galicia moi importante para entender a orixe e evolución da realidade socioeconómica do país”, segundo salienta o departamento de comunicación da USC.
Traballos de calidade
No acto de entrega dos galardóns aos premiados, o reitor compostelán puxo en valor a calidade dos traballos presentados e amosouse satisfeito polo aumento das candidaturas, o que serve para que a USC “cumpra dúas misións cada ano: manter viva a figura de Valentín Paz Andrade e distinguir investigacións de especial valía”. Pola súa banda, Rubén C. Lois resaltou a importancia de “crear espazos de reflexión entre a sociedade civil” e de elaborar estudos como os premiados, “que traten a cartografía para a planificación territorial sanitaria en Galicia, a distribución da renda para a comparación entre distintas rexións e a análise de algo tan crucial para a economía galega como a pesca”. O presidente do CES, pola súa banda, confirmou o compromiso do organismo consultivo con esta iniciativa e amosou o seu apoio para a convocatoria da vindeira edición.
O xurado
O xurado desta XII edición estivo composto polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, que o presidiu; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; o secretario do Idega, Manuel Fernández Grela, que actuou como secretario do xurado; o membro do Consello Científico do Idega Melchor Fernández Fernández; o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Martínez Varela; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán R. Doldán García; o catedrático emérito da Universidade da Coruña Fernando González Laxe; e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Henrique Vázquez Vicente.