Sensibilización e formación, claves para a expansión da economía circular

Axentes sociais, expertos e Administración coincidiron na necesidade da afondar na sensibilización da cidadania e a formación, en particular da mocidade, para acadar unha maior difusión da economía circular. Así o puxeron de manifesto nunha xornada de debate organizada polo CES na que se mantivo un interesante coloquio co gallo da aprobación recente do informe deste organismo “A cidadanía galega e a economía circular”.

Os coordinadores do documento, Henrique Vázquez e Carlos Rodríguez, da Universidade de Vigo, explicaron polo miúdo o contido do informe, unha completa enquisa para coñecer o grao de coñecemento deste modelo de produción e consumo. Pola súa banda, o subdirector xeral de Residuos e Economía circular, Francisco Javier Copa Rodríguez, describiu a situación e os plans nos que traballa a Xunta neste eido. Os representantes dos axentes económicos e sociais gabaron as distintas iniciativas e mesmo as posibilidades de avanzar nun cambio de modelo e sinalaron que a formación, a educación, resulta imprescindible.