A Comisión Permanente do CES acordou na súa sesión do mércores, dentro do plan de traballo do organismo para este ano, a elaboración de catro novos informes. A través dun mecanismo de colaboración coas tres Universidades públicas galegas, o Consello analizará a situación da saúde mental e a súa atención en Galicia, tratará os retos das novas formas de mobilidade que impón a transición enerxética, tentará afondar nos desafíos do abastecemento de alimentos sostibles e a súa relación coa xestión do territorio galego e, por último, abordará un enfoque integral da xestión dos residuos de todo tipo na procura dunha economía circular.
Os equipos de investigación que abordarán os informes e as distintas comisións sectoriais de traballo do CES que colaborarán nos mesmos presentarán as súas conclusións nos vindeiros meses.