Máis dunha treintena de propostas e recomendacións para a procura dunha mellora da atención aos trastornos mentais rematan o informe sobre a saúde mental en Galicia, que ven de ser aprobado polo Pleno do Consello Económico e Social na súa sesión de hoxe. Logo de varios meses de traballo baixo a coordinación do profesor Elisardo Becoña, catedrático na USC, o documento preséntase como unha ferramenta para analizar, entender e amosar perspectivas de futuro diante dunha realidade, a da situación da saúde mental, que se percibe como un grave problema sanitario e social.
O informe do CES realiza unha análise da situación da saúde mental en Galicia e a compara con España e outros países e tenta determinar as causas, multifactoriales, de actual incremento dos problemas neste eido. Un dos apartados salientables é o referido á situación da saúde mental na contorna laboral, determinante en múltiples facetas da vida social e económica.
O estudo trata tamén os novos problemas do actual estilo de vida e sinala factores facilitadores da situación de crise da saúde mental actual, que prantexa importantes retos para o sistema de atención á saúde mental en Galicia. Entre outros aspectos, fai propostas sobre como previr os trastornos mentais e mellorar a saúde mental e sobre como mellorar a accesibilidade e o tratamento dos trastornos mentais e do comportamento.
A través deste informe, os axentes económicos e sociais representados no CES queren contribuír ao debate a presentar as súas opinións para coñecer mellor e apuntar posibles vías de mellora para o que é un dos grandes retos para o benestar.da nosa sociedade
