Defender, apoiar e impulsar os sistemas artesanais e os oficios tradicionais pode ser unha dsa vías para loitar contra algúns dos problemas máis acuciantes en distintas zonas de Galicia, en particular no interior do territorio, como o valorado poboacional. Así o sinalou o presidente do CES-Galicia, Manuel Perez, no seminario “O saber facer como patrimonio”, que se celebrou onte en Santiago. O acto, organizado polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), foi o marco para a presentación do informe “Sistemas artesanais en Galicia: unha ollada contemporánea”, que ven de ser aprobado polo Pleno deste organismo consultivo o pasado 16 de decembro.
O informe partía do obxectivo fundamental de esbozar a situación actual da artesanía galega cunha ollada multidisciplinar, que debía permitirnos facer unha valoración das fortalezas e as debilidades do sector e apuntar estratexias que contribúan a mitigar as problemáticas e que permitan incentivar melloras. Con ese obxectivo, abordáronse moi distintos aspectos do sector desde perspectivas diferentes, do económico ao sociolóxico, dos enfoques de xéreno á utilización da tecnoloxía.
Pérez lembrou que “o informe non parte dunha mirada nostálxica senon que, logo de detectar os problemas –como a falta de relevo xeracional ou a desaparición de formas de vida tradicionais–, tentar apuntar estratexias e liñas de actuación para aproveitar os puntos fortes do sector”.
O documento inclúe, e este é un dos seus grandes valores en opinión do CES, unha serie de propostas de actuación, liñas de mellora que poderían servir para consolidar este sector e mellorar as súas expectativas de futuro.

Na imaxe, Manuel Pérez flanqueado polo director científico do CISPAC, o profesor Lourenzo Fernández Prieto, e a profesora Luz Paz Agras, que foi a encargada de coordinar o informe.