Preto de 90 valoracións e opinións sobre a realidade socioeconómica de Galicia compoñen o capítulo de Consideracións da Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2022, que o Pleno do CES aprobou hoxe por unanimidade. O documento foi presentado públicamente polo presidente do organismo, Agustín Hernández, ao carón da presidenta de turno da comisión encargada da redacción do mesmo, a representante da CEG no Consello Cristina Rama Molinos.
Na presentación, Hernández salientou o esforzo de consenso que preside a actividade do CES e que se recolle neste traballo, que sinala algúns dos problemas que os axentes sociais veñen debatendo en distintos eidos, nomeadamente o problema demográfico, a desaceleración da actividade industrial, a transición enerxética, as fendas de xénero ou á atención á saúde, entre outros.
A memoria do CES estrutúrase en cinco capítulos principais que se ocupan do panorama económico; do mercado de traballo e as relacións laborais; do dinamismo do tecido produtivo; da calidade de vida e o benestar social; e dos recursos e capacidades para o desenvolvemento. Na análise do Consello, que xa é unha referencia consolidada sobre a realidade económica e social da nosa Comunidade e a súa evolución, abórdanse temas como a evolución demográfica, a actividade e o emprego, a estrutura produtiva, a saúde, a pobreza, a cultura, o medio ambiente, a formación ou a investigación e tecnoloxía.
O documento completo pode consultarse nesta mesma páxina web.Na imaxe, o presidente do CES, Agustíin Hernández, e Cristina Rama, presidente de turno da Comisión sectorial nº 4.
Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2022