O Consello Económico e Social de Galicia integrarase como parte do Comité de Integridade da Consellería de Facenda e Administración pública, que fai parte do programa de integridade institucional e prevención de riscos de xestión elaborado pola Xunta co fin de avanzar na transparencia, a obxectividade e a eficiencia da Administración autonómica. Este programa aplícase tanto na Administración xeral da Xunta de Galicia como nas entidades instrumentais dependentes dela.
Este comité do que formará parte o CES ten atribuídas as seguintes funcións:
• Supervisar e avaliar o funcionamento regular e a correcta aplicación das medidas de prevención, detección e corrección en relación cos riscos asumidos, xunto coa detección de vulnerabilidades e a proposta de accións de mellora.
• Asesorar a correcta aplicación dos procedementos de xestión de conflitos de intereses e, en particular, aos órganos responsables de resolver os procedementos de abstención e recusación.
• Velar pola existencia de documentación soporte dos controis internos realizados, da avaliación dos riscos e do seguimento da implantación das medidas correctoras en materia antifraude, así como do procedemento realizado para a corrección e persecución dos casos nos que se detecten condutas contrarias ao sistema de integridade.
• Velar por que o persoal dispoña dos coñecementos e reciba a información necesaria para poder levar a cabo as accións que procedan en relación cos riscos de fraude, corrupción, conflitos de intereses e dobre financiamento.
• Actuar como órgano de coordinación e consulta respecto das actuacións e medidas dos plans da Consellería.
A Xunta de Galicia conta cun Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión, aprobado o 26 de maio de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, e entendido como un compromiso da Administración pública galega coa integridade e a procura dunha acción exemplar e responsable dos altos cargos e de todo o persoal da Administración pública galega. Este programa de integridade institucional supón a materialización do afianzamento da política institucional de integridade da Xunta de Galicia, que se aborda desde unha perspectiva global.