D. Rubén Cela Díaz, director de proxectos encargado do proxecto nós, mantivo unha reunión de traballo co presidente do CES Galicia, D. Agustín Hernández e a encargada do centro de documentación do CES Galicia, Dª Sara lomba Molinos, na que se tratou a petición de colaboración.
O proxecto Nós é un proxecto conxunto entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigacións en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) -e que contará coa colaboración do resto de Universidades galegas a partir do ano que ven-, e que ven de recibir unha achega de dous millóns de euros do Goberno de España a través da súa inclusión no PERTE de “Nueva Economía de la Lengua” financiados no marco do fondos europeos Next Generation – EU.
Este proxecto pretende que a lingua galega non fique excluída dos novos desenvolvementos dixitais e converter o país en vangarda na elaboración de produtos baseados en Tecnoloxías da Linguaxe. A través do mesmo, conseguiríase un amplo banco de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres e desenvolveranse ferramentas en código aberto que poidan ser empregadas, libre e gratuitamente, por institucións e empresas. É dicir, cando o proxecto estea rematado, calquera institución ou empresa galega ou de fóra de Galicia, poderá acceder de balde a produtos como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos.
Para poder levar a cabo este traballo é preciso previamente facerse cunha grande cantidade de texto e audio de calidade para poder “adestrar” acaidamente os algoritmos do sistema.