O organismo prepara una xornada para presentar un documento que podería servir de base para unha ampla reflexión sobre a cuestión enerxética
O Pleno do Consello Económico e Social de Galicia aprobou na súa sesión de hoxe, sen ningún voto en contra, un informe sobre “O sector enerxético galego: presente e futuro”. Nun momento de incertidume sobre o futuro, cun cambio de paradigma a nivel mundial (descarbonificación, transición enerxética, electrificación, protagonismo das fontes renovables…), o CES elaborou este documento co convencemento de que a cuestión enerxética merece fondas reflexións no contexto actual e de que cómpre tomar decisións meditadas en base á información dispoñible, con coherencia de conxunto para o futuro dos galegos e galegas.
O presidente do organismo consultivo, Agustín Hernández, adiantou que o CES ten previsto convocar unha xornada de presentación do documento, que foi elaborado en colaboración coa Universidade da Coruña baixo a coordinación do profesor Fernando de Llano Paz, coa idea de que sirva de base para unha ampla reflexión dos interlocutores económicos e sociais sobre a cuestión enerxética, tanto nos seus aspectos máis técnicos, como nas súas implicacións para o conxunto da sociedade.
O informe é unha completa análise do que se deu en chamar o problema enerxético: xerar enerxía dun modo seguro; a partir dun acceso continuado e fiable a uns recursos enerxéticos de calidade; asumindo un custo razoable; que non afecte negativamente á competitividade económica do tecido económico do territorio; e todo isto dentro dun contexto de respecto ambiental e social (saúde pública, emprego, xeración de riqueza, pobreza enerxética, etc.).
O CES sinala que “o noso futuro, segundo todas as previsións, vai depender máis das enerxías renovables xa que cumpren cos criterios de sustentabilidade, permitindo atender as demandas enerxéticas a un custo razoable, con menores impactos ambientais, en particular con menores emisións de CO2. No caso de Galicia ademais, coas medidas axeitadas, deben supoñer un impacto socioeconómico positivo no territorio e unha diminución da dependencia enerxética”.
Para o Consello, “a cuestión enerxética merece fondas reflexións no contexto actual e tomar decisións meditadas en base a información dispoñible, con coherencia de conxunto para o futuro dos galegos e galegas”. Esa idea foi a orixe do documento, que tenta aportar un coñecemento exhaustivo da situación actual e apuntar posibilidades para o futuro inmediato.
Oito capítulos
Este informe está composto por un total de 8 capítulos. No capítulo 1 amósase o contexto enerxético mundial, da UE e de España, para poder ter unha referencia de comparación da situación do sistema enerxético galego. Neste capítulo tamén se presentan os trazos xerais do futuro enerxético en base a diferentes estudos e escenarios elaborados por institucións internacionais. No capítulo 2, afóndase no papel de Galicia como rexión xeradora de electricidade e transformadora de enerxía. No capítulo 3 recóllese unha análise sobre o impacto socio-económico do consumo enerxético en Galicia tanto dende a óptica da industria galega, como dos fogares e do tecido empresarial do sector da enerxía.
As principais infraestruturas enerxética galegas que dan soporte á demanda de enerxía dos galegos e tamén facilitan a exportación de recursos enerxéticos son obxecto de análise no capítulo 4, mentres que no capítulo seguinte, o quinto, analízanse os mercados da enerxía, tanto os de recursos primarios como os mercados polo miúdo de enerxía final. Xa no capítulo 6 preséntase, principalmente, unha análise da evolución dos prezos dos recursos enerxéticos primarios e dos diferentes produtos enerxéticos que conforman a enerxía final dispoñible para o consumo. Amósase tamén o nivel de consumo e dinámicas de mercado dos principais produtos enerxéticos en Galicia. O capítulo 7 (Perspectivas de futuro) ofrece de xeito sintético unha visión da política enerxética galega, amosando a planificación xeral cos seus obxectivos asociados, e tamén presentando os instrumentos empregados para levar adiante as actuacións máis recentes das autoridades galegas no eido enerxético.
Por último, no capítulo 8, expóñense as conclusións de cada un destes apartados.