A IV edición do premio “Valentín Paz Andrade” premiará traballos de investigación e teses de doutoramento

O Premio “Valentín Paz Andrade” de Investigación en economía de Galicia presenta, na súa IV edición, dúas modalidades: premiará traballos de investigación publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, pero tamén teses de doutoramento presentadas desde o 1 de xaneiro de 2016.

O Premio “Valentín Paz Andrade” de Investigación en economía de Galicia presenta, na súa IV edición, dúas modalidades: premiará traballos de investigación publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, pero tamén teses de doutoramento presentadas desde o 1 de xaneiro de 2016. Así o recollen as bases da convocatoria deste ano, que se poden consultar no documento enlazado.

A dotación do premio é de 1.200 euros para a primeira modalidade e de 1.000 euros para a segunda.

Como en edicións anteriores, esta iniciativa, convocada conxuntamente con carácter anual polo Consello Económico e Social de Galicia e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC, ten por obxecto premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto entre os vindeiros 1 de setembro e 15 de novembro, na sede do Idega.

Un xurado de expertos de recoñecido prestixio elexirá aos ganadores en función da relevancia da contribución para o progreso do coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia e para a mellor asignación dos recursos, o impulso ao crecemento, ao emprego e á consecución de cotas máis altas de equidade, segundo indican as devanditas bases da convocatoria.