O Consello Económico e Social de Galicia participou onte, no marco da Rede Trasnacional Atlántica (RTA), na presentación en Bruxelas dun informe sobre as debilidades da implementación da Estratexia Atlántica da Comisión Europea que alerta sobre o baixo grao de coñecemento e a ausencia de financiamento dese programa europeo. O estudio, titulado «Propuestas de la sociedad civil para una mejor implementación de la Estrategia Atlántica de cara a la revisión intermedia de su Plan de Acción», foi presentado na sede do Comité Económico e Social Europeo e recolle as valoracións dos membros da RTA sobre o plan.
Na súa intervención, o presidente da organización que agrupa aos consellos económicos e sociais da fachada atlántica europea, o tamén presidente do CES vasco, Francisco José Huidobro, fixo unha valoración positiva da Estratexia Atlántica como plataforma para xerar unha maior cooperación entre os actores deste eido xeográfico, pero tamén indicou que o informe detectou importantes debilidades, cun potencial dinamizador “moi limitado”.
O informe da RTA advirte do escaso grao de coñecemento da Estratexia por parte dos sectores da economía vencellada ao mar (a “economía azul”) afectados e critica a inexistencia dun fondo de financiamento específico asociado á mesma. Unha das preocupacións dos axentes económicos e sociais recollidas neste traballo é a necesidade de reaccionar anticipadamente ás consecuencias da saída do Reino Unido da Unión Europea (o Brexit). Conscientes da transcendencia do problema, a RTA ten previsto elaborar un informe sobre as repercusións desa saída en cada unha das rexións e para o conxunto, que se elaborará no vindeiro semestre.
O CES-Galicia, que ostenta unha das vicepresidencias da organización, estivo representado pola súa presidenta, Corina Porro, e polo secretario xeral, Juan José Gallego.
Na RTA participan organismos consultivos de España (ademáis de Galicia, País Vasco, Andalucía, Canarias, Extremadura e Castela e León), así como de Portugal, Irlanda, Reino Unido, Francia e Portugal.
Na imaxe, de esquerda á dereita, Juan José Gallego, Michael Smith, Jerry Lind, Brendan Burns, Corina Porro e Francisco José Huidobro, en Bruselas.