O reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do CES rubricaron hoxe un acordo de colaboración para desenvolver unha investigación sobre o presente e o futuro do sector enerxético en Galicia. O traballo será coordinado polo profesor da Facultade de Economía e Empresa Fernando de Llano Paz, nun estudio que analizará o sector enerxético das empresas e fogares galegos así como da oferta de servizos enerxéticos en Galicia e da planificación europea.
Na imaxe, un momento do acto de sinatura no Reitoría da Universidade da Coruña, co reitor e o presidente do CES.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, asinaron hoxe na Reitoría da institución académica coruñesa un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de investigación “Sector enerxético en Galicia: presente e futuro”.
O CES realizou a encarga deste proxecto ao Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas da UDC (GREFIN), que desenvolve unha importante liña de investigación sobre o sector enerxético en Galicia e as súas consecuencias económicas e sociais, coordinado polo profesor da Facultade de Economía e empresa Fernando de Llano Paz.
A investigación, que se realizará ao longo deste ano, tratará a situación actual e as perspectivas de futuro dos distintos axentes implicados no deseño enerxético desde distintos puntos de vista; desde a planificación europea, Unión Europea, Administración, sector enerxético e a sociedade e o medio ambiente; desde a demanda, de empresas e fogares; e desde a oferta, para saber en que situación está Galicia no referente a empresas que ofrecen servizos enerxéticos; así como, finalmente, do balance enerxético do territorio. Os investigadores analizarán os retos ante os que se atopa o sector enerxético galego á hora de enfrontarse á transición ecolóxica coas súas implicacións socioeconómicas, na procura de definir as principais liñas coas que conseguir un mellor posicionamento dos distintos axentes sociais e económicos galegos.
O obxectivo deste traballo é ofrecer un diagnóstico rigoroso do sector enerxético en Galicia, e das políticas desenvolvidas na etapa máis recente, coa finalidade de formular propostas de actuación nos diferentes ámbitos.
O reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, asinaron o convenio na Reitoría.