O presidente do organismo reclamou actuacións rápidas e contundentes tomadas co máximo consenso
O presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández Fernández de Rojas, compareceu hoxe na Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19 para trasladar as reflexións do organismo consultivo sobre as medidas que axuden a superar a situación que estamos a vivir. Hernández salientou que cómpre establecer actuacións rápidas e contundentes e insistiu na necesidade de que as mesmas se tomen buscando o máximo consenso e acordo.
O presidente do organismo reclamou actuacións rápidas e contundentes tomadas co máximo consenso
O presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández Fernández de Rojas, compareceu hoxe na Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19 para trasladar as reflexións do organismo consultivo sobre as medidas que axuden a superar a situación que estamos a vivir. Hernández salientou que cómpre establecer actuacións rápidas e contundentes e insistiu na necesidade de que as mesmas se tomen buscando o máximo consenso e acordo.
Nunha intervención dividida en tres partes, o presidente do CES comezou con reflexións sobre as actuacións paliativas no ámbito sanitario, social e económico, para seguir con propostas sobre as medidas de choque e de recuperación a curto prazo, antes de rematar coas propostas de medidas estruturais a medio e longo prazo.
Neste senso, no ámbito sanitario, social e económico “as medidas deben ser claras, enérxicas e duradeiras namentres no se supera a pandemia”, indicou Hernández, que engadiu que “é imprescindible, o mantemento no tempo das medidas, así como a rapidez e flexibilidade na adopción das mesmas”.
Unha oportunidade e un reto
En opinión do CES, a aprobación do Plan de Recuperación para Europa constitúe unha oportunidade e un reto que ten que permitir non só a xeración de maior valor engadido, senón a de emprego estable e de calidade e unha maior cohesión socioeconómica e territorial.
A participación, a transparencia e a busca de consensos, co obxecto de acadar apoio social e político as actuacións, deben marcar as accions de todos os axentes implicados, especialmente tendo en conta as noticias ao respecto da necesaria aplicación dos fondos previstos en horizontes temporais moi reducidos. Na consecución deste obxectivo, a iniciativa do Goberno de lexislar para optimizar os prazos da Administración e axilizar os procedementos vai na liña axeitada, garantindo sempre a participación pública e o respecto ao medio ambiente.
A este respecto, o presidente puxo exemplos concretos de sectores prioritarios para proxecto de calidade e cun efecto multiplicador, entre outros, a industria agro alimentaria e forestal, o complexo mar industria, a automoción, a industria naval en sentido amplo, a loxística ou a xestión de recursos hidráulicos.
Hernández indicou tamén que, para o CES, cómpre dar un impulso para a transformación da administración cara a unha administración pública intelixente, propia do século XXI.
Entre as reflexións no medio e longro prazo, o presidente do Consello falou do obxectivo de acadar un crecemento máis sostible e igualitario, de xeito que os plans sirvan para para o impulso da transformación e modernización do tecido produtivo galego. “De non ser así, –advirtiu– abriríanse brechas sociais e económicas importantes e estaríamos ante unha nova oportunidade perdida”.
“O obxectivo xeral ten que ser o de transformar o modelo produtivo galego de xeito que, situando ás persoas no centro, sexa quen de conxugar o incremento do valor engadido e da produtividade, a innovación e o respecto ao medio ambiente, co emprego estable e de calidade, a mellora do benestar social e unha maior cohesión territorial”, explicou Hernández.
A comparecencia rematou cunha serie de reflexións sobre o necesario control e seguimento riguroso dos servizos públicos, a modernización da administración pública, o incremento do gasto en I+D+i, o deseño dunha estratexia integral para o rural galego, o incremento do tamaño das empresas que sirva para acadar un maior peso do sector industrial, a mellora das infraestruturas e a redación de plans de mobilidade sostible, o apoio ao terceiro sector e a economía social, aos procesos de transición enerxética e, por último pero non menos importante, a mellora do sistema educativo.
A través desta participación na comisión do Parlamento de Galicia, o CES tenta “ser útil e contribuír” ao traballo que están a desenvolver.