Axentes sociais e expertos debaten sobre a situación da saúde mental en Galicia

No marco do informe do CES sobre a saúde mental en Galicia, que está a piques de ser rematado polo organismo consultivo, expertos nesta materia e axentes sociais debateron sobre a realidade da situación, as características do sistema y apuntaron algunhas propostas para a súa mellora.

No encontro, púxose de manifesto que, no campo da saúde mental, estamos diante dun grave problema sanitario e social ó que lle hai que prestar máis atención e darlle mais recursos. Os coordinadores de informe salientaron que os problemas de saúde mental irán aumentando, ó ser un efecto dos novos tempos, da nova sociedade, tanto en adolescentes e persoas novas, como en persoas maiores.

Unha das preocupacións máis comentadas na xornada foi a implicación do mundo do traballo, dado que a saúde mental incide de cheo no medio laboral. Un mal entorno laboral implica consecuencias negativas para traballadores e empresas e pon en risco a desexable saúde mental. Xa que logo, sindicatos e empresarios coincidiron en que cómpre prestarlle máis atención á mesma e ás súas causas, desde factores biolóxicos ou xenéticos, a factores ambientais e sociais e, por suposto, factores psicolóxicos.

O informe do Consello é unha completa descripción do sistema de saúde mental en Galicia, unha comparación co noso entorno e inclúe, nas súas consideracións, máis de 30 ideas para a súa mellora.