Aberta a convocatoria da IX edición do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia

Deste este xoves e ata o vindeiro 30 de outubro de 2022 está aberta a convocatoria da nova edición do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia, que o CES e o IDEGA da USC convocan de forma conxunta. No prazo establecido, calquera profesor, investigador ou institución pode facer chegar á secretaría do IDEGA a súa proposta de candidatura ao premio, con indicación de autoría, título e información de edición, engadindo unha copia en papel e indicación dun mecanismo de acceso electrónico ao recurso (ou copia en soporte USB). As bases completas poden consultarse no documento incluido nesta páxina.

O Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia, que acada este ano a súa novena edición, é convocado conxuntamente con carácter anual polo Consello Económico e Social de Galicia e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, para premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

Como nas últimas edicións anteriores, o premio ten dúas modalidades:

1.- Traballos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, entre o 15 de outubro de 2021 e o 14 de outubro de 2022.

2.- Teses de doutoramento, presentadas en calquera universidade entre esas mesmas datas.

O xurado, composto por representes das institucións convocantes e investigadores recoñecidos, valorará a relevancia da contribución dos traballos presentados para o progreso do coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia e a importancia da aportación para a mellor asignación dos recursos, o impulso ao crecemento , ao emprego e á consecución de cotas máis altas de equidade para a nosa sociedade.