A chegada da intelixencia artificial, a súa popularización e a súa extensión a todos os ámbitos pode considerarse unha auténtica revolución. Non é que vivamos nunha época de cambios, senon que estamos a presenciar un cambio de época, tamén no mundo do traballo e das relacións laborais. Así de contundentes foron as opinións dos expertos que participaron hoxe na mesa redonda “Intelixencia artificial e o futuro do traballo” que se celebrou hoxe no CES-Galicia.
Con intervencións centradas nos cambios que xa están entre nós, as consecuencias para os modelos tradicionais de concertación social e a necesidade de lexislar axeitadamente para protexer os dereitos dos traballadores, todos os participantes e os axentes sociais insistiron na súa preocupación polo futuro inmediato. Como sinalou o presidente do Consello na súa presentación da mesa, “O desenvolvemento tecnolóxico está acadando uns niveis que ata hai poucas décadas houbera sido imaxinado polas mentes máis ousadas da ciencia ficción.”
Pérez engadiu que “é necesario por tanto un marco legal e ético que protexa ás persoas, fomente a innovación e non deixe a ninguén tirado”. Coincidiron os poñentes en salientar a necesidade de regular con xeito este novo mundo para protexer os dereitos persoais, sociais e laborais e tamén en investir en educación e formación para potenciar estas habilidades.