A novena edición do premio Paz Andrade galardoa unha investigación sobre fiscalidade da enerxía eólica u unha tese que analiza a vulnerabilidade socioeconómica

A fiscalidade da enerxía eólica e a análise socieoeconómica da vulnerabilidade de Galicia son o contido dos traballos gañadores da novena edición do Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, que se entregaron no Colexio de San Xerome da USC. Nunha sinxela ceremonia presidida polo reitor, Antonio López, fíxose entrega dos seus galardóns ás profesoras da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro, gañadoras na modalidade 1 (artigos de investigación) así como a Bruno Blanco Varela, ganador na modalidade 2 pola súa tese de doutoramento. O acto contou coa presenza da presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES), Agustín Hernández, e a directora do IDEGA, María Dolores Riveiro García.

O premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia é convocado con carácter anual polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) e distingue aqueles traballos de investigación que contribúen ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para o benestar da cidadanía.

Os traballos premiados nesta ocasión chaman a atención sobre a necesidade de seguir apostando polo público como garante da igualdade de oportunidades, afirmou o reitor Antonio López ao fío das temáticas dos traballos premiados. Así, continuou o reitor, o premio a traballos en revistas pon en valor a investigación feita dende Galicia e con proxección, incidindo na importancia da transferencia como ferramenta que enlaza o coñecemento cos procesos de toma de decisións en empresas e administracións para unha mellora das condicións de vida. No relativo á modalidade de teses, o reitor destacou como este premio nos recorda a necesidade de seguir apostando por un sistema público e con axudas como garantía da igualdade de oportunidades e do recoñecemento da educación como promotor social. Sanidade, educación, servizos sociais son logros que é preciso conservar, subliñou Antonio López.

Dolores Riveiro destacou, pola súa parte, a calidade científica dos traballos que concursaron, así como a relevancia temática das obras. Agustín Hernández gabou ademais a figura de quen dá nome a estes premios pola súa polifacética actividade en “tempos difíciles e sempre movido polo amor a Galicia e o crecemento desta terra”. Globalmente sinalou que esta edición concitou moito interese e que agarda isto se repita na décima edición tanto no número como na calidade dos traballos.

Fiscalidade e enerxía

O artigo ‘Renewable energy taxes and environmental impacts: A critical reflection from the wind tax in Spain’, do que son autoras as profesoras da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro, fíxose co galardón na modalidade correspondente aos ‘Traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas’, dotado con 2.000 euros. Publicado na revista Energy and environment, o texto aborda a fiscalidade da actividade eólica establecendo unha análise comparada da situación en Galicia coa doutras comunidades autónomas. Ademais, caracteriza socioeconomicamente este tipo de tributación e avalía a idoneidade desta fiscalidade para gravar os impactos ambientais asociados a esta xeración de enerxía. A dicir das autoras, “a tributación ‘verde’ é unha ferramenta chave para o deseño das políticas enerxéticas sostibles do futuro, desde a perspectiva de penalizar as actuacións lesivas co entorno, mellorar a eficiencia produtiva de ditos parques, aumentar a aceptación social por parte da cidadanía e implementar programas para o avance socioeconómico e demográfico no rural de Galicia”.

Vulnerabilidade socioeconómica

Na categoría correspondente ás teses de doutoramento, dotada con 1.000 euros de premio, o certame distinguiu o traballo de Bruno Blanco Varela, titulado ‘Unha análise socioeconómica da vulnerabilidade en Galicia: o camiño dende a escola até a inserción laboral’. Esta tese, defendida na USC e dirixida polos profesores María del Carmen Sánchez Carreira e Paulo Jorge Reis Mourão, permite un maior coñecemento da vulnerabilidade socioeconómica en Galicia e das súas implicacións para os ámbitos educativo e laboral, alén de incidir nas políticas aplicadas neste eido e os seus efectos.

Accésit

Na presente edición, outorgouse tamén un accésit a unha investigación sobre o aproveitamento dos recursos micolóxicos nos montes en man común en Galicia e sobre a súa potencial contribución ao desenvolvemento sostible do rural galego. O artigo, titulado>i> ‘Community forest and mushrooms: Collective action initiatives in rural areas of Galicia’, e asinado por Damián Copena, David Pérez Neira, Alfredo Macías Vazquez e Xavier Simón, está publicado na revista Forest Policy and Economics.

Na imane, desde a esquerda, Agustín Hernández, María Cadaval, Rosa Regueiro, Antonio López, Dolores Riveiro e Bruno Blanco. FOTO: Santi Alvite /Cortesía USC