A Comisión Permanente do CES apoia a declaración do cooperativismo galego polo Ano Internacional das Cooperativas 2025

A proposta da representación da economía social no CES-Galicia, a Comisión Permanente aprobou na súa sesión de hoxe o apoio do organismo á declaración do cooperativismo galego polo Ano Internacional das Cooperativas 2025.

O Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo e representativo do cooperativismo de Galicia, fixo pública con esta declaración a satisfacción pola decisión da Organización das Nacións Unidas (ONU) de declarar este ano 2025 como Ano Internacional das Cooperativas, baixo o lema —que facemos propio— “As cooperativas constrúen un mundo mellor”.

Os obxectivos do Ano Internacional das Cooperativas 2025 foron:

  • Concientizar ao público: Destacar as contribucións das cooperativas ao desenvolvemento sostible.
  • Promover o crecemento e o desenvolvemento: Fortalecer o ecosistema emprendedor e a creación de cooperativas.
  • Avogar por marcos de apoio: Fomentar a creación de contornas xurídicas e políticas propicias para as cooperativas a nivel mundial.
  • Inspirar liderado: Fomentar un liderado con propósito e involucrar aos mozos no movemento cooperativo.
O cooperativismo galego, a través do Consello Galego de Cooperativas (Cogaco), celebra un acto de peche do Ano Internacional das Cooperativas 2025 o xoves 11 de decembro ás 17.30h, na Praza da Quintana de Santiago de Compostela. O encontro celebrarase baixo o lema: “Pódese vivir dentro do cooperativismo”.