inicio -
Novasprensa -
https://vivajaen.es/galicia/1266523/el-consello-economico-alerta-sobre-la-dependencia-energetica-de-galicia/
https://vivajaen.es/galicia/1266523/el-consello-economico-alerta-sobre-la-dependencia-energetica-de-galicia/
15/05/2023
traballo relacionado:
A Universidade da Coruña acolleu hoxe a presentación do Informe “O sector enerxético galego: presente e futuro”, coordinado polo profesor da UDC Fernando de Llano Paz para o Consello Económico e Social (CES) de Galicia.
O acto contou coa presenza do reitor, Julio Abalde, o presidente do CES, Agustín Hernández, e os tres autores do estudo, Fernando de Llano, Guillermo Iglesias e Paulino Martínez, do Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas (GREFINS) da Facultade de Economía e Empresa da UDC.
Os autores presentaron as principais conclusións do estudo, que se estrutura en oito capítulos, e alertaron de que na actualidade, Galicia pode cubrir soamente unha cuarta parte do total das fontes enerxéticas primarias que precisa, tendo que importar recursos fósiles para o 75% restante. Tamén destacaron o seu papel como xeradora de electricidade, xa que produce arredor do 10% do total do Estado.
Os autores destacaron a potente capacidade da enerxía eólica en Galicia, así como o incremento na súa implantación. Outras fontes con peso no mix enerxético galego son, segundo informaron, a biomasa e a enerxía hidráulica. Ademais, nos últimos anos a enerxía solar, a aerotermia e a xeotermia experimentaron un importante incremento.
No que respecta ás perspectivas de futuro, falouse da transición enerxética en Galicia como factor clave de cara ao futuro da súa economía, apuntando que, nesta transición, as enerxías renovables terán sen dúbida un papel protagonista.
Mostra desta crecente importancia son os proxectos de I+D+i relacionados coa enerxía que se están a desenvolver en Galicia e onde as tres universidades públicas galegas están a levar a cabo 92 proxectos, máis da metade deles na UDC.
O reitor, Julio Abalde, destacou a importancia e necesidade da realización deste informe, en tanto que o sector enerxético afecta “aos sectores económico, empresarial ou industrial pero tamén á familiar, isto é, á vida das persoas”. Tamén recalcou a necesidade de tratar de reducir esa dependencia enerxética na que está inmersa Galicia e fixo un chamamento ás autoridades para que tomen as decisións necesarias e consigan organizar dun xeito eficaz o desenvolvemento deste sector.
Para o presidente do CES, Agustín Hernández, é salientable a coordinación entre as diferentes administracións, tanto a nivel nacional como a nivel europeo e internacional, así como tamén a necesidade de avanzar no desenvolvemento de novas fontes de enerxía que permitan acadar unha maior eficiencia enerxética.