inicio - Novas
 03/05/2022  

Colaboración con Fademga Plena inclusión Galicia para mellorar a accesibilidade da sede do CES

visita FADEMGA

Técnicos da organización FADEMGA Plena inclusión Galicia visitaron hoxe a sede do Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago, para avaliar as condicións de accesibilidade do edificio para todas as persoas, nunha iniciativa de colaboración que busca facilitar a participación de calquera colectivo nos actos e reunións que teñen lugar no CES. A visita debe servir para establecer os cambios e posibles modificación que habería que afrontar na sede do organismo para facilitar a máxima accesibilidade das súas instalacións.

FADEMGA Plena inclusión Galicia é a Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Na actualidade conta con 40 entidades galegas federadas que prestan servizo a 6.384 persoas con discapacidade intelectual.

Na imaxe, os representantes de FADEMGA Plena inclusión Galicia flanquean ao presidente do CES, Agustín Hernández.

 27/04/2022  

Alegacións do CES ao borrador do Plan galego contra a trata de seres humanos

CP 7/22

No marco do proceso participativo de consultas ás entidades e organismos aberto polos seus promotores, o CES presentou as súas alegacións ao borrador do Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024. Nas súas observacións, o Consello valora positivamente a posta en marcha do plan, aínda que salienta que bota en falta un cronograma do mesmo e tamén a súa dotación orzamentaria ou mecanismos de avaliación dos seus resultados.

 20/04/2022  

O Pleno do CES aproba por unanimidade o ditame sobre o anteproxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia

pleno 2-22

O Pleno do CES aprobou na súa sesión de hoxe por unanimidade o ditame sobre o anteproxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia, en reunión celebrada en modo telemático. No seu pronunciamento, o Consello destaca a valoración positiva da iniciativa e entende que a ordenación das áreas empresariais é un elemento importante dentro da ordenación do territorio que merece unha lei específica.

 07/04/2022  

O CES e a Universidade da Coruña asinan un convenio para desenvolver unha investigación sobre o sector enerxético en Galicia

firma convenio UDC

O reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do CES rubricaron hoxe un acordo de colaboración para desenvolver unha investigación sobre o presente e o futuro do sector enerxético en Galicia. O traballo será coordinado polo profesor da Facultade de Economía e Empresa Fernando de Llano Paz, nun estudio que analizará o sector enerxético das empresas e fogares galegos así como da oferta de servizos enerxéticos en Galicia e da planificación europea.

Na imaxe, un momento do acto de sinatura no Reitoría da Universidade da Coruña, co reitor e o presidente do CES.

 01/04/2022  

Os CES españois comparten experiencias en Santiago

Grupo Encuentro CES 2022

Presidentes e secretarios xerais dos CES de España mantiveron o seu encontró anual en Santiago de Compostela. Ao longo de súas xornadas de traballo os representantes destes organismos consultivos (o nacional e os autonómicos) compartiron experiencias e tiveron ocasión de debatir sobre o papel actual e futuro dos Consellos como institucións relevantes no diálogo institucional e na mellora do proceso de formación de políticas.

Na imaxe, foto de grupo dos participantes na sede do CES-Galicia.

 31/03/2022  

O Consello participa nunha reunión do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

web observatorio

O CES participou hoxe na reunión do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, celebrada vía videoconferencia. Na xuntanza, os membros acordaron a creación de dous novos grupos de traballo no observatorio, un adicado a Formación e Innovación e outro a Benestar e saúde. Estes novos grupos concíbense como espazos de intercambio de coñecemento, análise e reflexión que teñen como obxectivo realizar propostas de actuación no seu respectivo ámbito temático. Esas propostas serán sometidas a consideración do Pleno do Observatorio.

Na reunión presentouse tamén aos participantes a nova páxina web da entidade.

Páxinas