inicio - Novas - O VII Premio Valentín Paz Andrade pon o foco na revolución vivida polo agro galego nas últimas décadas

O VII Premio Valentín Paz Andrade pon o foco na revolución vivida polo agro galego nas últimas décadas

 22/12/2020  

O certame, organizado pola USC e o CES-Galicia, tenta axudar ao mellor coñecemento da realidade económica e social galega e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

Unha investigación sobre o dobre papel de Galicia como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas, así como unha análise sobre os últimos 30 anos do sector agrario e agroalimentario galego, son os traballos recoñecidos ex aequo co Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia na modalidade dirixida a artigos científicos. No apartado destinado a teses de doutoramento, recoñeceuse un traballo sobre moto-mecanización da agricultura en Galicia ata o ano 2000. A sétima edición deste galardón é unha convocatoria conxunta do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega) e do Consello Económico e Social de Galicia. A súa finalidade é premiar aqueles traballos que favorezan o mellor coñecemento da realidade económica e social galega e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

O artigo asinado polos investigadores da USC María Luísa Chas Amil e Xoán R. Doldán García, xunto a Pablo Piñero, David Pérez Neira e Juan Infante, defende que unha rexión, como Galicia, pode desempeñar un dobre papel como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas. A publicación demostra que Galicia é importador neto de recursos naturais procedentes de economías de renda media e baixa e que, canto máis baixos son os ingresos do socio comercial, máis intensas son as importacións de materias primas. Porén, este déficit é menos acentuado que no resto de España. Asemade, Galicia é unha fonte, é dicir, exportador neto de materias primas en comparación con economías máis prósperas da Unión Europea e, incluso para algúns socios comerciais chave, como Alemaña, Reino Unido e o resto de España, é un importador neto de valor engadido.

Pola súa parte, Edelmiro López Iglesias aborda, no outro dos artigos premiados, como nos últimos 30 anos o sector agrario e o complexo agroalimentario galego tiveron que “afrontar profundas mudanzas no seu marco de funcionamento como consecuencia dos cambios nos mercados, nas políticas e nas demandas da sociedade”, apunta. Nese contexto, o sector deu mostras nalgúns aspectos “dun notable dinamismo e capacidade de resposta”, sinala o investigador. Un exemplo que evidencia esta premisa é a expansión da produción láctea, “que permitiu que Galicia se consolidara entre as dez primeiras rexións leiteiras da UE, ou o desenvolvemento de producións diferenciadas e de calidade principalmente no vacún de carne e no viño”, continúa López Iglesias. No referido á tecnoloxía produtiva, o sector agrario mantivo un elevado esforzo investidor que, unido ao acelerado axuste da man de obra, posibilitou que “o enorme atraso do que partía na dotación de capital por traballador fora superado”, explica o profesor da USC. Tal esforzo investidor permitiu tamén a consolidación dun segmento de explotacións profesionais medianas, aínda minoritario, pero que constitúe xa, tal e como establece o artigo premiado, o núcleo produtivo do sector. “Porén, a pesar dos avances, o complexo agroalimentario segue presentando aquí fortes deficiencias, especialmente en dous aspectos: os déficits estruturais na base territorial das explotacións e nos usos da terra, e a debilidade da agroindustria”, explica o investigador. Estas deficiencias provocaron que nas tres últimas décadas se ampliara o saldo negativo da balanza agroalimentaria. En ambos os dous artigos, o xurado valorou a relevancia do obxecto de estudo, así como “o rigor e a exhaustividade das análises realizadas”.

Na modalidade dirixida a recoñecer teses de doutoramento, o galardón recaeu na investigación A Moto-mecanización da Agricultura en Galiza (1939-2000). Políticas de innovación, mercados e comunidades labregas de Bruno Esperante Paramos, baixo a dirección de Lourenzo Fernández Prieto e Daniel Lanero Táboas. No seu ditame, o xurado salientou “o carácter novidoso” desta investigación. Esta tese analiza a introdución de tractores nas agriculturas familiares en Galicia entre 1939 e o ano 2000. Para iso, o investigador parte dunha división cronolóxica en base a tres paradigmas de innovación tecnolóxica na agricultura ao longo do século XX. “En primeiro lugar, e baixo o pulo da segunda onda da industrialización a fins do século XIX, mecanízase a agricultura no marco dun paradigma liberal e de economía de mercado. Porén, o golpe de Estado militar de 1936 rompe con estas tendencias e, dende 1939, a Ditadura de Franco tenta construír un paradigma tecnolóxico baseado no fascismo agrario e na autarquía”, explica Bruno Esperante. Mais na década dos corenta e nos cincuenta, a agricultura en Galicia experimenta unha “forte crise”, sinala o investigador, debido á falta de todo tipo de inputs industriais. Situación que se agrava debido á súa exclusión das políticas de moto-mecanización ata os anos sesenta. “Por outra banda, a chegada dos créditos norteamericanos nos anos cincuenta á Ditadura fórzana a abandonar os postulados do fascismo agrario e da autarquía”, engade Esperante. Constrúese dende entón outro paradigma de industrialización da agricultura dende os anos sesenta. “De alí en diante, as principais políticas de industrialización defínense cunha confianza cega na tecnoloxía. O éxodo rural e o fortalecemento da agro-industria incentivan unha rápida moto-mecanización da agricultura en Galicia durante os anos setenta”, conclúe Esperante.

O xurado do certame estivo composto polo reitor Antonio López, o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; o director do IDEGA, Alberto Meixide; Xoán Carmona, en representación do Consello Científico do IDEGA; Fernando González Laxe e Xosé Henrique Vázquez Vicente.