inicio - Novas - Presentada a nova folla de conxuntura Galicia en datos

Presentada a nova folla de conxuntura Galicia en datos

 16/05/2015  

A páxina web do Consello Económico e Social ven de enriquecerse cunha nova iniciativa. Xa está dispoñible para a súa consulta a folla de conxuntura Galicia en datos, unha nova sección da web que inclúe algúns dos indicadores estatísticos máis relevantes da vida económica de Galicia, como produto interior bruto, consumo, importacións e exportacións ou emprego, entre outros.

Os indicadores de conxuntura económica de Galicia recollidos na folla organízanse en catro grandes grupos:
  • PIB e compoñentes da demanda: con datos do Produto Interior Bruto, consumo dos fogares, importacións, por exemplo)
  • Outros indicadores de actividade e demanda:inclúe estatísticas sobre aspectos como a cifra de negocios empresariais, o transporte aéreo de pasaxeiros, a matriculación de turismos ou as pernoctacións en hoteis, entre outros.
  • Emprego e paro: recolle taxas de ocupación, poboación activa, afiliados á Seguridade Social ou prestacións por desemprego.
  • Prezos e salarios: o IPC ou o custo laboral segundo traballador poden atoparse neste grupo.

Galicia en datos  complétase cun apartado de gráficos e mapas, que aportan unha perspectiva visual do contido da folla.

Esta folla de conxuntura non ten unha periodicidade fixa de publicación e vai ser actualizada de xeito frecuente, a medida que novos datos estén dispoñibles. Trátase dunha iniciativa dinámica, aberta a unha permanente mellora, que tenta poñer a disposición dos membros do Consello, en particular, e de toda a sociedade galega, algúns dos datos e indicadores máis interesantes para entender a nosa realidade económica e social.