inicio - Novas - Un estudio sobre os efectos do turismo nunha economía rexional gaña a segunda edición do premio Valentín Paz Andrade

Un estudio sobre os efectos do turismo nunha economía rexional gaña a segunda edición do premio Valentín Paz Andrade

21/01/2016

Recoñecemento do CES, en colaboración co Idega da USC, aos traballos de investigación en economía de Galicia

O estudio titulado ‘Tourism and income distribution: evidence from a developed regional economy’ foi o gañador da segunda edición do Premio de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade, convocado polo CES-Galicia e o Idega da USC co obxecto de recoñecer aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

O traballo, asinado por André Carrascal Incera e Melchor Fernández Fernández, foi publicado en Tourism Management (2015). En opinión do xurado, o artigo foi elixido polo seu carácter innovador “ao abordar dende unha metodoloxía económica os efectos do turismo e, en concreto, a incidencia sobre as desigualdades internas a unha economía rexional”. Ademais, na acta da súa reunión destacou tamén “o esforzo de construción dunha matriz de contabilidade social para medir os efectos obxecto de análise” e a inclusión de “recomendacións operativas de política económica que poden servir para mellorar a actuación dos poderes públicos neste campo”.

A edición 2015 do Premio Valentín Paz Andrade destacou pola “alta calidade de todos os traballos presentados”, e fixo unha mención específica das súas publicacións finalistas ex aequo, a asinada por Carmen Gago Cortés e Isabel Novo Corti co título ‘Políticas inclusivas de vivienda a través de la actuación municipal en la erradicación del chavolismo. El realojo del poblado de Culleredo’, e ‘Human-ignited wildfire patterns and responses to policy shifts’, de M. I. Chas Amil, J. P. Prestemon, C. J. McClen e J. Touza.

Xurado

O xurado encargado da avaliación das propostas presentadas a concurso presidiuno o reitor Juan Viaño e integrárono a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro; o director do Idega, Xoaquín Fernández Leiceaga; o integrante do mesmo Instituto, Xoán Carmona Badía; Juan Gallego Fouz, en representación do CES; os ex presidentes da Xunta de Galicia, os profesores Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño; e o profesor da Universidade de Vigo Alberto Gago Rodríguez.

Ademáis desta colaboración co CES, o Idega fixo entrega tamén do galardón Jesus García Calvo en investigación en desenvolvemento rural e cooperación, co apoio de Feiraco, que correspondeu a Diego Conde Gómez por un traballo sobre a figura de Rof Codina. Na cerimonia de entrega dos premios, que tivo lugar este mércores no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e que presidiu o reitor da USC, Juan Viaño, participaron tamén a presidenta do CES, Corina Porro, o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez, e o director do Idega, Xaquín Fernández Leiceaga.

Acceso directo ao artigo premiado