inicio - Novas - Os ditames sobre os anteproxectos de lei de garantías de prestacións sanitarias, de caza e de creación do colexio de nutricionistas, aprobados na sesión plenaria

Os ditames sobre os anteproxectos de lei de garantías de prestacións sanitarias, de caza e de creación do colexio de nutricionistas, aprobados na sesión plenaria

 05/04/2013  

O Pleno do Consello Económico e Social de Galicia aprobou na súa sesión de hoxe os tres ditames nos que estaba a traballar. Por orde de entrada, o plenario do organismo consultivo aprobou por unanimidade o seu ditame sobre o anteproxecto de Lei de caza de Galicia (ditame 2/13); de seguido, tamén por unanimade dos membros presentes, o ditame sobre o anteproxecto de Lei de creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas (ditame 3/13); e rematou a sesión coa aprobación do ditame sobre o anteproxecto de Lei de garantías de prestación sanitarias, elaborado polo trámite de urxencia e que anexa un voto particular formulado polos representantes do Grupo I do CES.
 
Nas súas consideración particulares, o ditame do Consello sobre o anteproxecto de Lei de caza de Galicia fai algunhas precisións que, na opinión do organismo, poden mellorar aspectos concretos da normativa estudiada, en particular sobre os terreos cinexéticos ordenados. Tamén detense en consideracións sobre as zonas de seguridade arredor dos terreos de caza que establecerá a nova normativa ou a necesidade de que os plans de ordenación cinexéticos segan a facerse cada cinco anos.
 
Nun razoamento xa expresado en anteriores ocasiones sobre anteproxectos similares, o ditame do CES sobre o anteproxecto de Lei de creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia insiste nas súas reservas sobre a necesidade da existencia de este tipo de organismos. En concreto, o Consello estima que non se xustifica dabondo a existencia dun interese xeral preponderante para a creación dun colexio oficial que agrupe a estes profesionais.
 
O ditame sobre o anteproxecto de Lei de garantías das prestacións sanitarias de Galicia foi solicitado polo trámite de urxencia, o que obrigou a unha premura que vai en prexuizo do necesario sosiego dos debates e mesmo pode menoscabar a función consultiva que corresponde ao organismo. Nas súas consideracións xerais, o CES indica, entre outros aspectos, que, malia que o anteproxecto prevé melloras no tempo de acceso ás prestacións, a remisión a posteriores desenvolvementos regulamentarios de aspectos básicos fai imposible entrar a valorar o seu alcance real. Tamén salienta que, nun contexto económico recesivo, a magnitude do compromiso de redución dos prazos de atención conllevaría unha importante inxección de recursos no sistema, tanto económicos coma técnicos e humanos.
 
Entre os aspectos positivos, o Consello salienta no seu ditame e valora a incidencia do anteproxecto na implicación das persoas usuarias no funcionamento do sistema de sáude, ao atender non só aos dereitos das mesmas senón tamén ás obrigas que lles corresponden.