inicio - Novas - Declaración institucional: O Consello Económico e Social de Galicia e os dereitos lingüísticos

Declaración institucional: O Consello Económico e Social de Galicia e os dereitos lingüísticos

 07/06/2021  

O uso e presenza da lingua propia en todos os ámbitos da vida social, tamén a económica é unha característica común dos países desenvolvidos. É indicativo da confianza nas propias capacidades e da mellor posibilidade de transmitilo aos demais.

Dende o Consello Económico e Social de Galicia entendemos débese dar maior contido legal e formal ao dereito xa recoñecido dos galegos e galegas a usaren a lingua propia de Galicia nas relacións que manteñen entre e coas empresas como clientes e clientas, consumidores e consumidoras, e usuarios e usuarias, e para garantir materialmente, na práctica, o exercicio pleno dese dereito recibindo na mesma lingua todo tipo de información tanto na sinalización como na atención oral e escrita, consonte ao disposto na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas, ratificada polo Estado español en 2001; ao sinalado no Título VI da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos asumida en 1996 e concretado no Protocolo de Donostia para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos; e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado unanimemente en 2004 e desenvolvido no seu Sector 4 - Economía polo Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Socioeconómico do ano 2016.

A posibilidade de desenvolvermos unha vida plena en galego é condición esencial para a normalización lingüística. Os poderes públicos galegos teñen a obriga legal de garantir o dereito a usar o galego e, xa que logo, de combater a falsa naturalidade do tratamento do galego como lingua menor no seu propio territorio. Por iso, deberán promulgar medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua. Ademais, contribuirase de xeito activo desde a administración pública e todo o sector público galego á eliminación de prexuízos mediante campañas de concienciación cidadá e educativas, mais sobre todo asegurando a presenza da nosa lingua e dando exemplo ao contratar con empresas que, á súa vez, garantan o exercicio do dereito elemental de empregar a lingua propia no propio país.

A lingua ao estar regulada por un marco xurídico que recoñece a un tempo obrigas e ampara dereitos de uso, debe avanzar nunha mesma dirección. As organizacións presentes no CES consideran que a promoción, impulso e potenciación do galego, debe ser permanente, continua e decidida en todos os seus ámbitos de actuación, especialmente no apartado institucional.

A normativa vixente como a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, ou a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, recolle o dereito á atención oral e escrita en galego, mais esta regulación non ten un desenvolvemento concreto, co que inda en moitos ámbitos da vida cotiá de Galicia resulta dificil acceder aos diferentes servizos empregando a lingua propia. Esto leva a que o usuario, ou usuaria, deba cambiar a lingua que emprega, se non é comprendido. Esta circunstancia tamén dificulta a formalización das xestións en lingua galega pola falta de dispoñibilidade de modelos contractuais ou formularios na lingua propia. Esta ausencia dun desenvolvemento que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais provoca situacións de vulnerabilidade e indefensión no uso do galego nas relacións comerciais, que afecta ao empresariado mais tamén a consumidoras e a consumidores. Vese así relegada a opción lingüística malia ser o galego a lingua propia e maioritaria de Galicia e gozar dun status formal de cooficialidade ao tempo que contribúe á deslocalización de servizos esenciais como os atendidos a través de centros de chamadas.

Os procesos de dixitalización no ámbito económico e social, así como o incremento do uso das novas tecnolxías e as novas formas de relacionarse, non deben significar unha perda de presenza do idioma galego como vehículo de relación, comunicación e sinal de identidade da nosa cultura, mais ben novas oportunidades nas que o conxunto de Galicia e a súa lingua non poden ficar atrás. A aceleración deses procesos, como consecuencia da irrupción da pandemia da COVID-19, precisa dun aumento significativo de acción e compromiso dos poderes públicos que debe sensibilizar as institucións e á sociedade en xeral na procura dun maior apoio ao uso do galego na totalidade dos ámbitos económicos, sociais e institucionais, para garantir a presenza da nosa lingua e o dereito real de uso por parte do conxunto da sociedade.

É imprescindible que as institucións públicas fomenten o uso da lingua galega en todos os ámbitos, pero tamén que as organizacións sociais teñan parte activa na mobilización das súas bases sociais, facendo posible que esa franxa social que ten liberdade para exercer os dereitos lingüísticos non deserte da lingua galega e impulse o seu uso.

O Consello Económico e Social de Galicia apoia e apoiará todas as iniciativas conducentes a potenciar, promocionar e impulsar o emprego do galego no funcionamento cotiá da institución, así como nos ámbitos económicos e sociais.