inicio - Novas - Declaración institucional de apoio á economía social de Galicia

Declaración institucional de apoio á economía social de Galicia

 09/11/2021  

O Pleno do CES fai público un texto sobre un sector económico en crecemento que ten como valor fundamental a primacía das persoas e do obxecto social

O Consello Económico e Social de Galicia reclama o apoio activo das diferentes administracións pola economía social e unha aposta clara das institucións públicas por este sector económico, que é un actor fundamental na sociedade actual. O Pleno do CES aprobou na súa sesión de hoxe, por unanimidade, un pronunciamento en defensa da economía social, un grupo de actividades que prima ás persoas e a gobernanza democrática e participativa, a conxunción dos intereses das persoas usuarias e do interese xeral e a defensa e aplicación dos principios de solidariedade e responsabilidade.

Cómpre lembrar que a economía social xera o 8% do PIB europeo, con máis de 13,6 millóns de empregos remunerados a través de máis de 2,8 millóns de empresas e entidades en Europa. En España a economía social produce o 10% do PIB, proporciona o 12,5% do emprego e vincula ó 42,8% da poboación. O mapa da economía social en Galicia está formado por máis de 7.300 entidades e empresas, cun volume de emprego estimado de 24.904 persoas traballadoras e máis de 74.120 persoas socias, comuneiras ou mutualistas (segundo o tipo de entidade), xerando ao redor do 7% do PIB.

No seu posicionamento, o organismo consultivo sinala que debería afondarse no recoñecemento e aposta clara pola economía social a través do apoio activo dos diferentes niveis de gobernanza, reforzando a visibilidade e competitividade das empresas da economía social mediante políticas públicas e outras iniciativas.

O CES entende tamén que cómpre aumentar a visibilidade e recoñecemento da economía social a través de políticas públicas, plans e accións concretas en colaboración coas persoas e en cooperación coas axentes da economía social buscando a transversalidade para mellorar a coherencia das políticas e obter unha maior eficacia.

Na declaración, o Consello sinala ademáis, entre outros aspectos, que as administracións públicas deberían intensificar e mellorar a práctica da contratación pública socialmente responsable, promovéndoa a través da formación e o intercambio das mellores prácticas.

En definitiva, o CES manifesta a necesidade de dar a este sector económico e aos valores que o sustentan o protagonismo que merecen, xa que estes valores permiten combinar actividades económicas sostibles cun impacto social positivo, axustando a un tempo os bens e servizos ás necesidades das persoas.

Pode accedeer ao texto completo da declaración no enlace abaixo.

documentos relacionados: