inicio - Novas - Constituídos os cinco grupos de traballo do Observatorio de Dinamización Demográfica

Constituídos os cinco grupos de traballo do Observatorio de Dinamización Demográfica

 17/01/2018  

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, órgano colexiado asesor no que participa o CES, celebrou onte a súa segunda sesión, na que quedaron constituídos cinco grupos de traballo nos ámbitos de actuación que se consideran claves para a abordaxe do reto demográfico. Estes cinco grupos abordarán temas de Xuventude, Apoio ás familias, Envellecemento, Emigración/inmigración e Medio rural. Os grupos de traballo configúranse como espazos de intercambio de coñecemento, análise e reflexión cuxo obxectivo é realizar propostas de actuación para articular políticas que permitan abordar o reto poboacional da Comunidade Autónoma.

Na sesión elixiouse tamén á vicepresidencia do organismo, un cargo de carácter rotatorio que recaeu na representante da Universidade de Santiago de Compostela.

O Observatorio, que celebra as súas sesión na sede no CES, ten entre as súas funcións as de recompilar, analizar e intercambiar información relevante desde o punto de vista demográfico; definir e aplicar indicadores que permitan medir as variables demográficas, con especial atención ao fenómeno da exclusión territorial ou á singularidade e especificidade dos impactos do cambio demográfico en Galicia; realizar e divulgar os estudos e traballos que resulten de interese dende o punto de vista demográfico; promover a produción de material documental de interese; identificar as iniciativas en materia de dinamización demográfica; e formular propostas e recomendacións para ser consideradas na configuración das liñas estratéxicas da acción pública de Galicia.

Tamén promoverá foros de discusión e debate; elaborará un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia e fomentará calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coa dinamización demográfica. Neste senso, no transcurso da reunión avanzouse no establecemento dun cronograma para presentar as primeiras valoracións das medidas que se levarán a cabo nos vindeiros meses, co obxectivo de realizar un seguimento permanente da evolución das dinámicas demográficas. Estes informes serán realizados polos grupos de traballo a través de procedementos participativos e presentaranse no seguinte pleno que se celebrará a finais do primeiro semestre deste ano.