inicio - Novas - A conselleira de Política Social comparece no Pleno para explicar as liñas mestras do anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia

A conselleira de Política Social comparece no Pleno para explicar as liñas mestras do anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia

 16/12/2019  

O proxecto normativo está sendo sometido a ditame do CES

A conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, compareceu esta tarde diante do Pleno do CES, a petición propia, para explicar polo miudo as linas mestras, a filosofía e os obxectivos do anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia, que está a desenvolver o seu departamento. O anteproxecto está sendo sometido a ditame do Consello.

Na súa comparecencia, a conselleira indicou que o obxectivo é conseguir que o texto normativo conte co apoio dunha ampla base social, xa que para afrontar a situación “é necesaria altura de miras, visión de longo prazo e, sobre todo, unha clara e inequívoca vocación de consenso”.

Logo da súa exposición, que se centrou nos aspectos máis relevantes da norma que se está a tramitar, García amosou a intención de acoller as aportacións e mellloras que podan facer os distintos colectivos representados no Consello.

Pola súa banda, os representantes das organizacións do CES agradeceron a presencia da conselleira e a súa vontade de acadar consensos, un dos principios de actuación do organismo. Lembraron, a maiores, que, no proceso de elaboración do ditame sobre o anteproxecto, que está en marcha no seno da Comisión sectorial nº 2, tentarán aportar melloras que sirvan para contar cunha normativa que cumpla cos seus obxectivos para abordar un dos grandes retos para o futuro de Galicia.

Na imaxe, a conselleira de Política Social, Fabiola García, xunto ao presidente do CES, Agustín Hernández, flanqueados pola directora xeral de Familia, Amparo González, e o secretario xeral do Consello, Juan José Gallego, durante a comparecencia.