inicio - Novas - O CES xa é a sede do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

O CES xa é a sede do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

29/09/2017

A sala do Pleno do Consello Económico e Social de Galicia acolleu a sesión constitutiva do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, que terá a súa sede neste organismo. A sesión, presidida polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniu aos axentes económicos e sociais, políticos, académicos e dos distintos niveis da Administración que forman parte do organismo no acto da súa constitución formal.

O observatorio é un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia demográfica que debe contribuir a aportar ideas e iniciativas que axuden a articular políticas para abordar o reto demográfico de Galicia.

Nunha breve intervención de benvida aos membros, a presidente do CES, Corina Porro, lembrou que a elección do Consello como sede do observatorio non é casual, pues éste é un organismo que se configura como foro permanente de diálogo entre as administracións e a sociedades civil organizada. "Estamos nesta sede do CES como un símbolo da vocación de pluralidade e consenso con que nace este órgano. Por eso creo que se elixiu o sitio axeitado".

A presidenta salientou tamén que os desafíos derivados do cambio demográfico que estamos a vivir en Galicia veñen sendo unha preocupación constante nos traballos do Consello e fixo mención dunhas recentes xornadas de traballo ou das consideracións que se veñen recollendo nas Memorias sobre a situación económica e social do CES.

Pola súa banda, o conselleiro Rey Varela agradeceu a participación dos diferentes axentes sociais, políticos e académicos "nun órgano plural e participativo que entende a cuestión demográfica como un gran pacto, alonxada de posicións ideolóxicas e cun alcance temporal ilimitado".

Funcións do observatorio

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica ten, entre outras funcións, as de recompilar, analizar e intercambiar información relevante dende o punto de vista demográfico; definir e aplicar indicadores que permitan medir as variables demográficas, con especial atención ao fenómeno da exclusión territorial ou á singularidade e especificidade dos impactos do cambio demográfico en Galicia; realizar e divulgar os estudos e traballos que resulten de interese dende o punto de vista demográfico; ou realizar un seguimento permanente da evolución das dinámicas demográficas, das accións desenvolvidas e dos avances acadados; promoverá foros de discusión e debate; elaborará un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia e fomentará calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coa dinamización demográfica.