inicio - Novas - O CES presenta a súa Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2014

O CES presenta a súa Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2014

 09/07/2015  


A economía galega medrou o ano pasado por primeira vez desde o 2008, pero, malia o dato positivo que supón este crecemento, “aínda queda un gran percorrido por diante para enfrontarnos aos desequilibrios económicos e sociais xerados pola crise”. Así o salientou a presidenta do CES, Corina Porro, na presentación da Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2014, que foi aprobada polo Pleno do organismo o pasado 6 de xullo.

Na súa intervención, a presidenta insistiu no valor engadido que supón o consenso con que se elabora a Memoria e reclamou que este traballo e as súas consideracións non sexa ignorado. “Queremos que se utilice, que non quede perdido nalgún caixón. Entendemos que as aportacións do CES reflicten de xeito fidedigno o sentir colectivo das galegas e galegos”, rematou.

Na presentación do documento, o presidente de turno da comisión sectorial que elaborou o traballo, o membro do Grupo III Henrique Vázquez, profesor da Universidade de Vigo, amosou a preocupación do Consello por que esa recuperación económica chegue a todos os cidadáns. Tamén comentou a negativa evolución demográfica de Galicia, unha inercia que debería romperse “cun crecemento económico sostible, duradeiro e creador de emprego, que se asente en políticas de conciliación familiar”.

No eido do emprego, aínda que descende o número de persoas en situación de desemprego, esta caída é debida á diminución da poboación activa, polo que que cómpre matizar o dato. De feito, o crecemento económico non chega a impulsar a creación de emprego neto. Outra das inquedanzas que se poñen de manifesto na Memoria 2014 é o preocupante declive do sector industrial.

Descargue o texto completo da Memoria 2014