inicio - Novas - O CES premia un estudio sobre as oportunidades para o desenvolvemento rural dos parques eólicos e unha tese de doutoramento sobre a historia de Unión Fenosa

O CES premia un estudio sobre as oportunidades para o desenvolvemento rural dos parques eólicos e unha tese de doutoramento sobre a historia de Unión Fenosa

 19/02/2020  

VI edición do premio de investigación económica Valentín Paz Andrade, convocado conxuntamente coa USC

Un traballo de investigación sobre os parques eólicos e os pagamentos aos propietarios dos terreos nos que se instalan como oportunidade para o desenvolvemento rural foi o gañador na VI edición do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia, convocado conxuntamente polo Consello Económico e Social de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela. Os autores do estudio, Damián Capena e Xavier Simón, recolleron o seu galardón hoxe de mans do presidente do CES, Agustín Hernández, nun acto solemne celebrado no Pazo de San Xerome da institución académica compostelá. O artigo foi publicado na revista Renewable and Sustainable Energy Reviews.

Na segunda modalidade do premio, correspondente a teses de doutoramento, o premiado foi Adrián Dios Vicente, pola súa “Historia de Unión Fenosa no marco do sector eléctrico, 1982-2008. Evolución empresarial, financeira e impacto do marco regulador”. O autor recolleu o seu premio de mans do reitor da USC, Antonio López Díaz.

Tanto os galardoados como os representantes institucionais salientaron a importancia da investigación como forma de coñecer a realidade e vía para a mellor toma de decisións e coincidiron na oportunidade de iniciativas como estes premios, que incentivan o bo facer no campo do coñecemento da realidade económica de Galicia.

Con esta iniciativa, que xa cumpríu a súa sexta edición, as dúas institucións convocantes tentan premiar os traballos de investigación que axuden ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento das políticas más axeitadas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.