inicio - Novas - O CES-Galicia súmase ao rechazo do traslado das sedes das áreas de investigación do Instituto Español de Oceanografía fóra de Galicia

O CES-Galicia súmase ao rechazo do traslado das sedes das áreas de investigación do Instituto Español de Oceanografía fóra de Galicia

 09/05/2022  

A Comisión Permanente aproba por unanimidade unha declaración de apoio

A través dunha declaración institucional aprobada por unanimidade pola súa Comisión Permanente, o Consello Económico e Social de Galicia “súmase á voz unánime de todo o sector do mar e do conxunto da sociedade galega” en contra da decisión gubernamental de trasladar as sedes de investigación do Instituto Español de Oceanografía (IEO) fóra de Vigo e A Coruña. Con esta iniciativa, o CES reclama unha rectificación de xeito que Galicia, pola súa indubidable importancia no sector, albergue as sedes de pesquerías e acuicultura do IEO “polo importante labor científico que os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña veñen desesnvolvendo ao longo dos anos”.

No texto aprobado, o CES lembra o papel de Galicia como potencia a nivel europeo nos sectores extractivo, acuícola e transformador de producto do mar e o crecente papel que cobraron no seu desenvolvemento os distintos centros de investigación que se atopan na nosa contorna. Nese senso, a colaboración entre todos eles creou importantes sinerxias que facilitaron os avances das ciencias mariñas. Entre estas institucións salientan os centros do IEO, cunha extensa traxectoria e esforzo investigador, que son, en opinión do Consello, idóneos para acoller a sede permanente de investigación pesqueiras e/ou acuicultura do Instituto, no marco dun completo polo de investigación mariña de nivel internacional.

A maiores, o Consello lembra tamén que “a capacidade de traballo e achega positiva do labor do IEO depende do seu sustento económico e organizativo” polo que “faise necesario o desenvolvemento dunha planificación de recuperación estrutural do Instituto”.

Como complemento a esta declaración, os membros do CES amosaron o seu interese en coñecer máis polo miúdo a evolución da anunciada decisión e para iso solicitarán a comparencia no Consello de responsables do IEO en Galicia, do Campus do Mar e da Xunta de Galicia neste eido.

documentos relacionados: 
AnexoTamaño
PDF icon declaración IEO125.09 KB