inicio - Novas - O CES entrega os galardóns da VII edición do premio Valentín Paz Andrade de investigación económica nun acto na USC

O CES entrega os galardóns da VII edición do premio Valentín Paz Andrade de investigación económica nun acto na USC

 20/04/2021  

O reitor Antonio López e o presidente do organismo consultivo manifestaron o compromiso de manter esta iniciativa nos vindeiros exercicios

O acto de entrega correspondente á sétima edición dos Premios Valentín Paz Andrade, galardóns que organizan conxuntamente o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) e o Consello Económico e Social (CES), serviu este martes para subliñar a revolución vivida polo agro galego nas últimas décadas. Deste xeito, unha investigación sobre o dobre papel de Galicia como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas, así como unha análise do sector agrario e agroalimentario galego nas últimas décadas, foron os traballos recoñecidos ex aequo na modalidade dirixida a artigos científicos. No apartado destinado a teses de doutoramento, recoñeceuse un traballo sobre a moto-mecanización da agricultura en Galicia.

Durante o acto de entrega de galardóns aos premiados, celebrado no pazo de San Xerome, o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández, puxo o foco en que esta iniciativa, froito da colaboración entre institucións, recolle un dos fins do Consello, aquel que apunta cara a colaboración coas universidades galegas; alén de recoñecer a creación e a contribución do coñecemento científico na Comunidade Autónoma para a toma de decisións no ámbito social e económico. Neste senso ademais salientou os tres temas premiados pola súa relevancia para a economía galega.

Pola súa banda, o reitor Antonio López manifestou o compromiso da USC, compartido polo CES, co mantemento destes galardóns que poñen en valor a investigación transversal que toma como referencia a Galicia e que pretende ser transferible nos planos económico ou político. Deste xeito, o coñecemento ponse á disposición da sociedade de tal xeito que a toma de decisións poda realizarse con rigor e de modo fundamentado. Antonio López tamén destacou a implicación do Idega, instituto chamado a seguir ocupando un papel esencial na investigación e a ser peza clave nos estudos socioeconómicos. Nun momento de redefinición das estruturas de investigación, o Idega desenvolve un rol capital neste ámbito. Foi a directora do Idega, María Dolores Riveiro García, a encargada de dar conta da acta do xurado.

Artigos científicos

O profesor Edelmiro López Iglesias aborda no traballo premiado as profundas mudanzas que o sector agrario e o complexo agroalimentario galego tiveron que afrontar nos últimos 30 anos. Pola súa parte, o artigo asinado polos investigadores da USC María Luísa Chas Amil e Xoán R. Doldán García, xunto a Pablo Piñero, David Pérez Neira e Juan Infante, defende que unha rexión, como Galicia, pode desempeñar un dobre papel como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas. A publicación demostra que Galicia é importador neto de recursos naturais procedentes de economías de renda media e baixa e que, canto máis baixos son os ingresos do socio comercial, máis intensas son as importacións de materias primas. Porén, este déficit é menos acentuado que no resto de España. Asemade, Galicia é unha fonte, é dicir, exportador neto de materias primas en comparación con economías máis prósperas da Unión Europea e, incluso para algúns socios comerciais chave, como Alemaña, Reino Unido e o resto de España, é un importador neto de valor engadido. Pola súa parte, en ambos os dous artigos, o xurado valorou a relevancia do obxecto de estudo, así como “o rigor e a exhaustividade das análises realizadas”.

Teses de doutoramento

Na modalidade dirixida a recoñecer teses de doutoramento, o galardón recaeu na investigación A Moto-mecanización da Agricultura en Galiza (1939-2000). Políticas de innovación, mercados e comunidades labregas de Bruno Esperante Paramos, baixo a dirección de Lourenzo Fernández Prieto e Daniel Lanero Táboas. No seu ditame, o xurado salientou “o carácter novidoso” desta investigación. Esta tese analiza a introdución de tractores nas agriculturas familiares en Galicia entre 1939 e o ano 2000.

Xurado

O xurado do certame estivo composto polo reitor Antonio López, o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; o entón director do Idega, Alberto Meixide; Xoán Carmona, en representación do Consello Científico do Idega; Fernando González Laxe e Xosé Henrique Vázquez Vicente, como expertos de prestixio. Como en edicións anteriores, estes galardóns premian aqueles traballos que favorezan o mellor coñecemento da realidade económica e social galega e o establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

Na imaxe superior, desde a esquerda, o presidente do CES, Agustín Hernández; o reitor da USC, Antonio López; e a directora do Idega, María Dolores Riveiro. Abaixo, posan cos premiados na entrada da Reitoría.