inicio - Novas - O CES entrega ao presidente do Parlamento a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020

O CES entrega ao presidente do Parlamento a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020

 27/07/2021  

O presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, acudiu hoxe ao Parlamento de Galicia para facer entrega ao presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, da Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020 elaborada polo organismo consultivo e recentemente aprobada por unanimidade dos seus membros. A Memoria será traslada aos grupos parlamentarios.

O documento, estruturado en cinco capítulos, fai un exhaustivo repaso da realidade socioeconómica galega en 2020, nun ano especialmente complicado pola incidencia da pandemia da covid-19. Como elemento diferenciador respecto a outros estudos, a Memoria do CES inclúe un capítulo de Consideracións no que se salientan opinións, advertencias, demandas e recomendacións das diferentes entidades e axentes representados no Consello, aprobadas por unanimidade dos seus membros. Logo de 25 anos, a Memoria do CES é un informe consolidado e unha ferramenta útil para entender a situación socioeconómica de Galicia desde as distintas sensibilidades das organizacións que compoñen o Consello.

A mirada dos axentes socioeconómicos analiza o panorama económico, o mercado de traballo e as relacións laborais (neste ano, cun apartado sobre dixitalización e teletraballo), o dinamismo do tecido produtivo, a calidade de vida e benestar social e os recursos e capacidades para o desenvolvemento.

O Consello Económico e Social é un órgano consultivo da Xunta de Galicia creado para facilitar a participación dos axentes socioeconómicos e dos representantes da sociedade civil organizada na vida económica, social e cultural e no proceso de toma de decisións. O CES configúrase como un foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e os poderes políticos. Desde a súa creación, o Consello foi concibido, ademais de como foro plural e cualificado, como un órgano marcado pola súa independencia.

Na imaxe, a presidente do CES, o do Parlamento de Galicia e a presidenta de turno da Comisión sectorial encargada da Memoria, Rosa Otero.